O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou en Arteixo na clausura da xornada EcoComedores da Biosfera

A Xunta pon en valor o consumo de produtos ecolóxicos de proximidade en comedores escolares e colectivos de cara á mitigación do cambio climático

José Luis Cabarcos gabou a iniciativa coordinada pola escola infantil municipal A Caracola e pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que contou cunha axuda de case 51.000 euros no marco da medida Leader

Afirmou que vai aliñada co que recolle a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, para que os produtos agroalimentarios da nosa comunidade sexan máis competitivos nos diferentes mercados

Grazas ao proxecto iniciado en 2015, un total de nove explotacións de horta ecolóxica abastecen actualmente cos seus produtos unha ducia de comedores, tanto de centros educativos como de empresa
 

Arteixo (A Coruña), 30 de setembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo hoxe en valor a comercialización e o consumo de produtos ecolóxicos en circuítos curtos locais de cara á mitigación do cambio climático. Foi na clausura da xornada EcoComedores da Biosfera: ferramenta para un cambio social, animando o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e proximidade en comedores escolares e colectivos, organizada para facer balance da iniciativa posta en marcha en 2015 que recibiu unha axuda de case 51.000 euros xestionada pola Xunta no marco dos proxectos de cooperación da medida Leader. Así, o director afirmou que esta acción está aliñada co que recolle a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, para que os produtos agroalimentarios da nosa comunidade sexan máis competitivos nos diferentes mercados

 

Na intervención, o director gabou o proxecto coordinado pola escola infantil municipal A Caracola e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que ten como obxectivo o acompañamento para que centros educativos e empresas poidan elaborar menús saudables con producións locais, de temporada e ecolóxicas, ao tempo que se apoia a distribución de pequenas empresas agroalimentarias do rural. Nesa liña, a día de hoxe están adheridas ao proxecto un total de nove explotacións de horta ecolóxica que abastecen de produto seis escolas infantís, tres centros de educación infantil e primaria, un de educación infantil, primaria e secundaria e dous comedores de empresa.

 

Na clausura da iniciativa, José Luis Cabarcos sinalou que proxectos coma este poden servir de revulsivo para impulsar a agricultura en ecolóxico en Galicia, demostrando que existe unha alta demanda por parte da restauración colectiva. A maiores, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria puxo de relevo que se estea a avogar polas novas tecnoloxías para darlle pulo a este tipo de producións, promovendo unha plataforma virtual na que se pode mercar a produción ecolóxica das empresas produtoras participantes.  

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2022