A Xunta coproducirá os novos espectáculos de danza de Kirenia Martínez, Janet Novás e Paula Quintas

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades adxudica 54.000 euros a estes proxectos, inseridos no programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego


O director de Industrias Culturais recibiu as tres creadoras, cuxas propostas se asentan sobre o diálogo escénico, a evolución das traxectorias artísticas e a sinerxía creativa de diferentes colectivos
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia impulsará os novos espectáculos de danza de Kirenia Martínez, Janet Novás e Paula Quintas a través de tres contratos en réxime de coprodución co Centro Coreográfico Galego. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de publicar a resolución desta convocatoria, pola cal se distribúen 54.000 euros entre as tres adxudicatarias para o desenvolvemento de cadansúa proposta escénica.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu as tres creadoras para coñecer máis de preto os seus proxectos e felicitalas por ter acadado as máximas puntuacións por parte da comisión de valoración entre as oito candidaturas ao proceso. No caso de Paula Quintas, a súa proposta O salón dos pasos perdidos recibe 18.000 euros, mentres que os espectáculos Proto, de Janet Novas, e Afectos, de Kirenia Danza, acadan cifras practicamente idénticas: 17.998,65 e 17.998,44 euros, respectivamente.

 

Diálogo entre montaxes

A compañía de Kirenia Martínez repite como adxudicataria do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego e faino con Afectos, espectáculo co que culminará a súa Triloxía dos vulnerables. Esta saga, iniciada antes da irrupción da covid-19, realiza un achegamento coreográfico aos movementos migratorios desde unha perspectiva global.

 

En Afectos, a compañía porá o foco nos cambios provocados pola pandemia en canto aos desprazamentos masivos de persoas, despois de que na primeira entrega, titulada E-migrantas, abordara o fenómeno nun contexto no que o mundo se formulaba un cambio de paradigma, e na segunda, Primeiro a vida!, analizara unha nova realidade no ecuador da crise sanitaria.

 

Pola súa banda, Janet Novás dá en Proto un paso adiante na evolución artística que está a marcar a súa traxectoria nos últimos anos. Este novo proxecto pretende erguer os materiais que lle xurdiron na peza Imaginé cinco cuerpos y ninguno era mío e poñelos en diálogo con ese desexo de contemplación que agromou no seu último solo escénico, Where is Janet?

 

En canto ao espectáculo O salón dos pasos perdidos, nel confluirán os impulsos creativos de diferentes profesionais e colectivos destacados da nosa danza. Paula Quintas encabeza este proxecto, que conta coa colaboración do Colectivo Glovo e mais de Galicia Danza Contemporánea. A montaxe xunta catro camiñantes impulsadas polo sentido purificador que se atopan na peregrinación común da vida. A reflexión sobre o tempo, o espazo e mais o territorio na construción dunha memoria conxunta son algunhas das claves da peza.

 

Máis de 15 coproducións

Estes tres novos títulos únense á longa nómina de espectáculos que a Xunta vén coproducindo a través das convocatorias específicas do Centro Coreográfico Galego, programa que se desenvolve en formato de concorrencia pública por sexta edición consecutiva. Os obxectivos desta liña de traballo, que xa impulsou máis de 15 obras nestes anos, pasan por favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, fomentar a atracción de público para esta expresión escénica e consolidar tanto a creación como o retorno que xera no eido da citada disciplina artística.

 

Ademais, este ámbito de acción encaixa coa estratexia conxunta estipulada no Plan Integral para a Danza de Galicia, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e consensuado a través dun proceso de diálogo aberto, participativo e transparente xunto ás principais asociacións e entidades do sector para determinar as súas liñas de acción e os seus obxectivos.

 

Entre as prioridades establecidas nesta folla de ruta, destacan cuestións como a descentralización dos espectáculos de danza, o fomento de sinerxías con entidades e institucións do exterior, o impulso da danza e das artes do movemento nos circuítos de exhibición escénica, o apoio para o desenvolvemento de residencias artísticas e a dinamización transversal da actividade do Centro Coreográfico Galego.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/10/2022