Diego Calvo sitúa Galicia como referente nacional para facerlle fronte ao reto demográfico

O vicepresidente segundo da Xunta participou hoxe en Málaga no ‘IV Foro europeo de loita contra o despoboamento e reto demográfico’
 

Destacou as novas medidas fiscais, o carácter pioneiro da Lei de impulso demográfico e da gratuidade das escolas infantís, ademais das múltiples medidas de conciliación, atención ás persoas maiores e apoio ao rural
 

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou nun foro sobre economía azul celebrado de forma simultánea, onde salientou a aposta de Galicia por impulsar a súa propia axenda de futuro neste eido

Málaga, 30 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe en Málaga no IV Foro europeo de loita contra o despoboamento e reto demográfico, onde presentou as medidas pioneiras postas en marcha por Galicia para facerlle fronte a este desafío social e que sitúan a comunidade como referente nacional. Entre elas destacou a gratuidade das escolas infantís para todas as familias e a aprobación da primeira Lei de impulso demográfico de todo o Estado. “O obxectivo é blindar todas as medidas para promover a conciliación e facerlle fronte ao reto demográfico”, apuntou.

 

Diego Calvo abordou este tema na mesa redonda sobre os plans das rexións de Europa para a loita contra o despoboamento, na que tamén participaron representantes das comunidades de Estremadura, Castela a Mancha e Castela e León. Na súa intervención, o vicepresidente segundo incidiu na importancia da cooperación entre as comunidades autónomas para facerlle fronte ao reto demográfico, pero tamén de que o Goberno central asuma xa “un papel activo, con medidas concretas e mecanismos de financiamento para levalas a cabo”, como está a facer Galicia.

 

Neste marco de acción, referiuse á aposta que a Xunta fai polas políticas sociais e que se traducen no incremento dos presupostos destinados a esta área previsto nos orzamentos de 2023, en máis beneficios fiscais para as familias e en múltiples medidas de conciliación e de apoio ás persoas maiores que garanten que haxa “unha resposta a cada necesidade e circunstancia familiar”.

 

Apoio ás familias na política fiscal

Así, no eido das políticas fiscais, Diego Calvo resaltou as novas medidas anunciadas, como a deflactación do IRPF nos seus primeiros tramos, que lle permitirá un aforro de máis de 46M€ á poboación galega, a rebaixa do imposto de patrimonio, ou á equiparación das familias con dous fillos ás numerosas. Deste xeito, en Galicia “pagaremos os impostos precisos para garantir uns servizos públicos de primeiro nivel e o demais quedará á disposición das familias”, engadiu.   

 

O vicepresidente segundo afondou especialmente nas medidas específicas de apoio ás familias. Nesta liña sinalou a gratuidade das escolas infantís de cero a tres anos, que beneficiará a 30.000 familias; a creación de novas prazas en escolas infantís municipais cunha achega de 34,8M€; o impulso para crear 95 casas niño en concellos sen escola infantil; o Bono Coidado, co que máis de 1.000 familias puideron contratar o pasado ano servizos extraordinarios de conciliación; ou a Tarxeta Benvida que beneficiou xa a máis de 78.000 familias desde a súa posta en marcha.

 

A atención ás persoas maiores e o apoio ao rural son outros dos eidos nos que está a traballar a Xunta na loita contra o despoboamento e para facerlle fronte ao reto demográfico, con iniciativas como as casas do maior, con máis dun cento financiadas polo Goberno galego, o Servizo de Axuda no Fogar, ao que se destinan máis de 100M€, o programa de Coidados porta a porta, que xa beneficiou a 20.000 persoas, ou o programa Impostos cero no rural.

 

Mesa redonda sobre pesca sostible

Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Antonio Basanta, participou na mesa redonda O mundo da pesca sostible, no marco da estratexia azul da UE, dentro do Foro sobre Economía Azul que se celebra de xeito paralelo no mesmo recinto. Neste encontro, o representante autonómico salientou a importancia deste eido no futuro das zonas costeiras e lembrou que Galicia xa comezou a desenvolver a súa propia axenda sobre a economía azul, orientada a aqueles sectores con vantaxes competitivas ou que poidan reportar maiores oportunidades á comunidade.

 

Antonio Basanta lembrou que ese deseño parte das actividades tradicionais, como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, e chega a outras complementarias e compatibles como a biotecnoloxía, a construción naval ou o transporte marítimo. Neste sentido, indicou que é preciso aproveitar as oportunidades que xurdan e a experiencia de exemplos de éxito como o Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo ou os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

 

Por iso, incidiu na relevancia de que este tipo de axentes aporten os seus coñecementos no deseño desa planificación da economía azul co obxectivo de aproveitar todos os recursos dispoñibles, como son os vencellados co Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) así como os doutros instrumentos financeiros europeos, españois e autonómicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2022