Un proxecto innovador da Xunta e da USC sitúa a Meteogalicia á vangarda mundial na difusión de información clara e accesible sobre a calidade do aire

A proposta, que xa recibiu varios premios internacionais, baséase na aplicación de técnicas de intelixencia artificial para xerar de forma automática textos explicativos
 

Grazas a esta nova aplicación, o organismo meteorolóxico mellora as descricións asociadas ao Índice de calidade do aire (ICA), que facilita á cidadanía a comprensión do estado do aire ambiente en toda a Comunidade, ofrecendo datos en tempo real
 

Pola información recompilada ata o momento, MeteoGalicia será a primeira axencia meteorolóxica do mundo en contar cunha aplicación para a xeración automática de descricións en linguaxe natural para a información sobre a calidade do aire

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

Un proxecto innovador desenvolvido conxuntamente entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela sitúa a MeteoGalicia á vangarda mundial dos servizos meteorolóxicos pola facilidade de acceso e interpretación da información sobre a calidade do aire dispoñible na súa web.

 

Grazas a unha nova aplicación baseada en diferentes técnicas de intelixencia artificial, o organismo autonómico logrou mellorar a claridade e comprensión destes datos, que se transmiten á poboación desde hai anos a través do Índice de calidade do aire (ICA).

 

O sistema ICA2TEXT, en cuxo deseño e desenvolvemento traballaron xuntos o departamento de calidade do aire da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), permite acompañar os gráficos e os datos numéricos amosados na páxina web con descricións textuais en linguaxe natural co obxectivo de facilitar que a poboación poida comprender mellor a información que se lle transmite.

 

Trátase dun proxecto moi novidoso e que xa lle valeu ao grupo responsable do traballo varios premios internacionais. De feito, pola información recompilada ata o momento, MeteoGalicia será a primeira axencia meteorolóxica do mundo en contar cunha aplicación propia para a xeración automática de descricións en linguaxe natural relacionadas coa información sobre a calidade do aire.

 

Datos en tempo real

Cómpre lembrar que o ICA calcúlase en Galicia a partir dos datos que emite en tempo real a completa rede autonómica de estacións de calidade do aire, parámetros que se amosan de forma simultánea a través da páxina web do organismo meteorolóxico.

 

Co fin de seguir mellorando a información que se lle ofrece ao usuario e facilitar a súa experiencia, decidiuse desenvolver ICA2TEXT no marco do proxecto Galiweather, que ten como fin a xeración dos prognósticos meteorolóxicos e de calidade do aire a curto prazo en linguaxe natural a partir dos datos de predición do organismo autonómico.

 

MeteoGalicia implanta deste xeito unha nova mellora na súa páxina web no marco da súa aposta pola actualización e mellora continua das súas ferramentas e instrumentos de traballo, grazas á cal mantén unha posición de referencia a nivel nacional e tamén europeo como un dos organismos máis importantes e punteiros no campo da meteoroloxía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2022