A directora xeral de Patrimonio Natural participa estes días nos actos organizados polo 20 aniversario da Unión Internacional da Conservación da Natureza no Mediterráneo

A Xunta intercambia experiencias sobre a xestión de espazos naturais nun foro internacional en Málaga

Belén do Campo subliña a importancia de que administracións e representantes de sectores produtivos, económicos e entidades ambientais busquen xuntos solucións para harmonizar o desenvolvemento de cada territorio coa protección da súa biodiversidade

Málaga, 30 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia participa esta semana en Málaga nun foro organizado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) co fin reunir a xestores públicos de toda España e doutros países como Francia ou Marrocos para fomentar o intercambio de experiencias relacionadas coa xestión dos espazos naturais e a importancia de apostar pola súa conservación e restauración.

 

Coincidindo co 20 aniversario do Centro de cooperación do Mediterráneo da UICN, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistiu ao encontro en representación de Galicia, onde tivo ocasión de participar onte pola tarde na asemblea xeral do Comité Español da UICN, unha agrupación de administracións públicas e entidades conservacionistas do que forma parte a Xunta e o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida).

 

Durante a reunión fíxose balance dalgunhas das principais actividades realizadas polo Comité ao longo deste ano e Do Campo aproveitou para incidir na importancia de participar neste tipo de foros xa que supoñen o escenario idóneo para que os xestores dos espazos naturais a nivel local, autonómico e estatal compartan ideas e iniciativas ao tempo que se propoñen posibles sinerxías e proxectos de colaboración neste eido.

 

Así, subliñou a importancia de que administracións públicas e representantes de sectores produtivos, económicos e entidades ambientais busquen xuntos solucións para harmonizar o desenvolvemento de cada territorio coa protección da súa biodiversidade, un obxectivo que, tal e como recalcou, guía a acción e as políticas da Xunta na materia.

 

Contactos coa Sociedade xeolóxica de España

Ademais e no marco da xornada de onte, Belén do Campo tamén se reuniu co presidente da Comisión do patrimonio xeolóxico da Sociedade xeolóxica de España (SGE), unha asociación que contribúe co seu traballo a avanzar no coñecemento e na divulgación desta rama científica.

 

Durante o encontro, a responsable autonómica e o representante da SGE analizaron a situación do Xeoparque Mundial Montañas do Courel desde a súa declaración en 2019 e os últimos avances na candidatura de Cabo Ortegal, que aspira a ser escollido pola Unesco o ano que vén e converterse no segundo xeoparque de Galicia.

 

En canto á xornada de hoxe, abordaranse a través de varias mesas redondas asuntos relacionados co cumprimento dos Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) fixados pola Axenda 2030, a relación entre natureza e desenvolvemento económico a través do aproveitamentos dos recursos naturais e do turismo ou os retos para afrontar o financiamento de proxectos no eido da conservación da natureza.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2022