A Xunta presenta a campaña de vacinación antigripal 2022 que comezará o 10 de outubro e á que o Goberno galego destina 8,6 M€

Para esta campaña, están previstas 1.017.000 doses, o que supón 131.200 máis que o ano anterior

O Executivo galego ten dispostos en torno a 900 puntos de vacinación

Sanidade remarca que é importante e necesario concertar cita para a vacinación nos centros de saúde, e non acudir directamente sen ser citado. A cita pode ser solicitada via telefónica, ou a través da web ou no centro de saúde
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a Campaña de Vacinación Antigripal 2022, que comezará o 10 de outubro e rematará o 31 de decembro. O obxectivo xeral da campaña, á que o Goberno galego destina 8,6 millóns de euros, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

Os obxectivos específicos da campaña, á que se destinan 1.017.000 doses o que supón 131.200 máis que o ano pasado, será acadar unha cobertura igual ou maior ao 75% na poboación de 65 ou máis anos, así como nos traballadores sanitarios. Tamén son obxectivos específicos, acadar unha cobertura vacinal en mulleres embarazadas e en persoas con condicións de risco, igual ou maior ao 60%; e unha cobertura en nenos e nenas de 6 a 59 meses, igual ou superior ao 60%.

Tal e como sinalaron os responsables sanitarios, a poboación diana da campaña son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos, ou as persoas que convivan en institucións pechadas, como é o caso das residencias de persoas maiores e outros centros de atención á discapacidade.

Son tamén poboación diana, as nenas e nenos de 6 a 59 meses, feito este que se produce por primeira vez en España; así como as persoas de menos de 60 anos que teñen un maior risco de complicacións derivadas da gripe; aqueles que lles poden transmitir a gripe a outros con alto risco de complicacións, como é o caso de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos discapacitados, etc.

Son, así mesmo, poboación diana, as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e, tamén, ás aves silvestres.

As vacinas dispoñibles para esta campaña son, unha con alta carga tetravalente, que é a que se porá ás persoas de 85 ou máis anos na poboación xeral e aos de 60 ou máis anos de residencias; e outra vacina tetravalente para as persoas de 6 meses a 84 anos.

Acceso secuencial e puntos de vacinación

Tal e como detallou a directora xeral de Saúde Pública, a partir do 10 de outubro comezarase a vacinar ás persoas institucionalizadas de maneira prolongada e traballadores destas institucións, como é o caso de residencias de maiores e persoas con discapacidade. Tamén se vacinará a partir desta data ás persoas de 85 e máis anos; aos nenos e nenas de 6 a 59 meses; ao persoal dos centros sanitarios do Sergas e hospitais privados; ao persoal das oficinas de farmacia e aos que traballan nos servizos de emerxencias sanitarias.

A partir do 17 de outubro, os vacinados serán as persoas de 80 a 84 anos e, a partir do 31 do mesmo mes, as persoas de 70 a 79 anos. Posteriormente, dende o 7 de novembro tocaralle a quenda ás persoas de 60 a 69 anos; os menores de 60 con patoloxías de risco; as mulleres durante o embarazo ou puerperio; o persoal de servizos esenciais e o persoal de exposición laboral. A partir do 14 de novembro, vacinarase aos conviventes de persoas de risco e ao resto da poboación diana.

A Xunta de Galicia ten dispostos para esta campaña en torno a 900 puntos de vacinación entre centros de atención primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, así como centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e centros de discapacitados.

Xunto ao anterior, e no marco do programa de promoción da vacinación antigripal na poboación, Carmen Durán dixo que procederase, a partir da terceira ou cuarta semana da campaña, á realización de chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación entre 65 e 74 anos. Así mesmo, estableceranse estratexias de captación por SMS de recordo de vacinación á poboación, en función das coberturas acadadas. Ademais, vacinaranse aos pacientes crónicos nas visitas a domicilio e haberá captación activa dende atención primaria e hospitais dos pacientes pertencentes aos grupos de risco.

No que atinxe ao seguimento e avaliación da campaña para os profesionais sanitarios, disporán de informes personalizados de cobertura de vacinación antigripal por cupo de médico e grupo de enfermería a través dunha plataforma tecnolóxica, con periodicidade quincenal e con datos por cupos, centros e unidades de atención primaria. Así mesmo, Sanidade publicará na páxina web temática da gripe os informes sobre a evolución global da vacinación.

No transcurso da presentación, a directora xeral remarcou que é importante e necesario concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado. A cita pode ser solicitada vía telefónica, a través da web ou no centro de saúde.

Segunda dose de recordo da covid

Carmen Durán remarcou que, dende o 26 de setembro, está en marcha a campaña de administración da segunda dose de recordo fronte á covid-19, en residencias de maiores e centros de discapacidade, e que, o vindeiro 7 de outubro, iniciarase na poboación xeral, comezando polas persoas de 85 e máis anos e seguirase citando de maior a menor idade ata os 60 anos. No mesmo acto, ofrecerase a vacina fronte á gripe.

Esta segunda dose de recordo da covid-19, ademais das persoas internas en residencias e en persoas de 60 ou máis anos, tamén se porá ao persoal de centros, servizos e establecementos sanitarios; persoas que traballan nos servizos de emerxencias; e persoal das residencias de maiores ou de atención á discapacidade.

Dende que comezou esta campaña da segunda dose de recordo da covid-19, a directora xeral sinalou que se administraron nas residencias de maiores e centros de discapacidade, un total de 12.919 doses da covid-19 bivalente, cunha cobertura do 58,72%; e 13.561 doses da gripe, cunha cobertura do 61,64%. Estes datos mostran que xa se vacinou máis da metade das persoas institucionalizadas nos primeiros catro días da campaña.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 30/09/2022