A Xunta forma a profesionais da cultura no deseño de políticas inclusivas nos museos galegos

O martes celébrase en Santiago de Compostela a xornada ‘Museos Sociais’ na que expertos reflexionarán sobre como mellorar o acceso e participación

Abordaranse cuestións como a accesibilidade integral e igualitaria a estes espazos, aos contidos e programacións e a necesidade de ofrecer opcións culturais atractivas para persoas de calquera idade, procedencia ou formación

O Goberno autonómico vén de abrir o proceso de consulta pública para a elaboración da futura a Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, pioneira en Europa
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

No seu compromiso por traballar por unha cultura sen barreiras e cada vez máis accesible, a Xunta de Galicia programa para o vindeiro martes Museos Sociais, unha xornada para formar aos profesionais da cultura no deseño de políticas inclusivas no eido específico dos museos galegos.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo unha reunión esta semana con membros da subdirección de Museos da Xunta para ultimar os detalles desta actividade na que está prevista a presenza de arredor dun cento de persoas dos centros que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos, así como bolseiros que realizan as súas estadías formativas este ano nos centros xestionados pola Xunta.

A iniciativa forma parte do traballo do Goberno autonómico por garantir unha cultura accesible a todos os colectivos e en todos os territorios de Galicia a través de distintas liñas de actuación. Entre elas, destaca a máis recente, o inicio dos trámites para a futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, para a que xa está aberto o proceso de consulta pública. “Cremos oportuno e necesario deseñar unha norma como esta e elevala a rango de lei para impulsar a participación activa de todo tipo de colectivos á nosa cultura en calquera lugar de Galicia. E para iso tamén é fundamental que os profesionais da cultura teñan todas as nocións necesarias”, expresa o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Cinco eidos

Con este obxectivo celébranse as xornadas Museos Sociais o martes 4 de outubro no  Museo das Peregrinacións e de Santiago que dan continuidade ás celebradas o ano pasado sobre os museos e as novas tecnoloxías.  Nesta ocasión, están estruturadas en cinco eidos: museo accesible, inclusivo, igualitario, aberto e sustentable. Así, distintos expertos reflexionarán sobre a accesibilidade integral e igualitaria a estes espazos, aos contidos e programacións. Tamén se afondará na necesidade de ofrecer unha opción cultural atractiva para persoas de calquera idade, procedencia ou formación así como na importancia da creación dunha conciencia ecolóxica nestes espazos expositivos

O programa contará cos relatorios: Que museo necesitamos? Folla de ruta para un museo máis social e sostible, a cargo da xefa da Área de Difusión e Desenvolvemento da Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte, Olga Ovejero Larsson; O enfoque de xénero nas museografías, da man da directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado, e Proxectos: identidades e Museo en movemento realizado polo persoal da Área de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña, Manuel Mosquera Cobián e Ana Vasco del Castillo.

Tamén se incluirá Museo Aberto, a cargo do director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, César Llana, e Un recurso gratuíto para facilitar a información accesible no marco do proxecto Erasmus+Allure/Aplicación CIMA, relatado pola xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería, Fátima García Doval. Rematará cunha visita comentada ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Varias liñas abertas

Xunto á Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, o Goberno autonómico traballa en distintas iniciativas, como o sistema pioneiro de teatro inclusivo no Centro Dramático Galego con todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición, que se suma ás sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, ruídos ou á escuridade.

Tamén está en marcha o proxecto Territorio Cultura para a revitalización cultural do rural cun investimento global de 1,3 M€, as axudas anuais de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas culturais con medidas para mellorar a súa accesibilidade, actividades de alfabetización dixital nas bibliotecas ou o proxecto de Bibliotecas Móbiles, para estender os servizos a toda a cidadanía galega, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/10/2022