O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu hoxe ao encontro que se desenvolve na Residencia de Tempo Libre de Panxón

A Xunta participa na celebración dos aniversarios dos centros das Esclavas de la Virgen de la Dolorosa en Mos e Crecente

Máis dun centenar de mulleres con discapacidade intelectual se dan cita neste evento, que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 6 de outubro

Nigrán (Pontevedra), 2 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, salientou hoxe o traballo en favor da plena inclusión que se leva a cabo nos servizos de atención residencial e ocupacional das Esclavas de la Virgen de la Dolorosa. Díxoo no encontro de centros organizado por esta entidade con motivo do 45 e 60 aniversarios das súas residencias en Mos e Crecente.

 

Fernando González Abeijón deu a benvida ás 150 mulleres con discapacidade intelectual procedentes de distintos puntos de España que se dan cita neste evento, que ten lugar na Residencia de Tempo Libre de Panxón e que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 6 de outubro. Tamén destacou os coidados integrais e personalizados que se prestan nas instalacións de Mos e Crecente, nas que co apoio da Xunta se atende ás necesidades que teñen as usuarias en todos os campos: social, educativo, psicolóxico e físico, co obxectivo de favorecer a súa autonomía persoal.

 

Así mesmo, o director xeral de Persoas con Discapacidade sinalou que o Executivo autonómico seguirá a traballar man con man co tecido asociativo para avanzar cara unha Galicia máis inclusiva. Isto supón “prestar especial atención a aquelas persoas que, por unha ou por outra causa, atópanse atrancos adicionais no camiño; e o noso compromiso é axudalas a superalos”, apuntou.

Data de actualización: 02/10/2022