Patrimonio autoriza a proposta municipal para continuar co proxecto de construción dun inmoble de vivendas protexidas na rúa Castro 22-24

Establécense unha serie de condicións para seguir coa execución dos traballos e garantir a integridade e conservación dos restos atopados nos que, á vista do informe valorativo, non existen evidencias dunha muralla medieval

O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia acordouno onte por unanimidade e así se notificou ao Concello de Ferrol e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo

Ferrol, 30 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia vén de autorizar a proposta municipal do Concello de Ferrol para a continuación do expediente da obra de construción dun inmoble destinado a vivendas protexidas na rúa Castro 22-24, en Ferrol Vello.

 

Na reunión do Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia realizada onte acordouse por unanimidade informar favorablemente a proposta municipal, como así se notificou hoxe ao Concello de Ferrol e ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), na súa condición de organismo promotor da obra, que se enmarca no programa Rexurbe.

 

No encontro avaliouse o informe valorativo das sondaxes arqueolóxicas realizadas, informado tanto polo Servizo Municipal de arqueoloxía como do Servizo de Arqueoloxía de Patrimonio Cultural da Coruña.

 

Cos datos que se achegan nel conclúese que non existen evidencias, nin tampouco indicio obxectivo ningún, que fagan pensar que haxa neste punto unha muralla medieval. En todo caso, os técnicos establecen unha serie de condicións para garantir a integridade e conservación dos restos achados, entre as que se atopan a necesidade de que todas as partidas da obra que implican remocións de terra deberán ser executadas con supervisión e control arqueolóxico.