A porcentaxe de galegos con competencias dixitais básicas ou avanzadas crece máis dun 18% nun ano e supera o 61%

Galicia supera a media europea de competencias dixitais nas cinco dimensións que se miden e reduce a distancia coa media estatal en todas, no último ano

O 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de información, máis de 4 puntos por riba da media europea

As capacidades dixitais relacionadas coa comunicación e colaboración son as máis estendidas entre a poboación galega, cun 88,6%, 2,6 puntos por riba da media europea (86%)

O 76,2% dos galegos de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e superando a media europea en 8 puntos

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022 
Compartir
  • whatsapp

O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega continúa a súa evolución positiva. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias dixitais básicas ou avanzadas.

Son parte dos resultados da análise de Competencias Dixitais elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021, realizada polo INE e que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia, un perfil sociodemográfico detallado aplicando metodoloxías propostas polo INE e EUROSTAT.

Os datos presentados analizan as competencias dixitais da poboación galega a partir da metodoloxía Digital Competence Framework deseñado pola Comisión Europea que se aplica para toda Europa e que establece cinco dimensións: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Solución dos problemas e contorna dixital e, como novidade, Seguridade e privacidade.

Análise das competencias dixitais por dimensións

A desagregación de habilidades dixitais por dimensións amósanos unha Galicia moi preto da media estatal, a pesares de presentar unha poboación máis avellentada, mentres conserva unha notable vantaxe sobre os promedios para Europa en todos os indicadores.

En 2021, o 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de información, cunha vantaxe de 4,7 puntos porcentuais coa media europea (80%); e o 88,6% dos galegos de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de comunicación e colaboración, situándose 2,6 puntos por enriba da media europea (86%).

A creación de contidos dixitais é a área competencial menos estendida en Galicia e no conxunto do territorio estatal. Aínda así, a porcentaxe de galegos/as de 16 a 74 anos con habilidades básicas ou avanzadas en creación de contidos dixitais (69,7%), supera a media europea (66%) en 3,7 puntos porcentuais.

As habilidades dixitais en Seguridade da poboación galega son as que superan con maior diferenza a media europea. En 2021, o 76,2% dos galegos/as de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e 8 puntos por riba da media europea.

En 2021, o 81,7% dos galegos/as de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de resolución de problemas, que a sitúa a 3,2 puntos porcentuais da media estatal (84,9%) e mellora a europea (80%).

Perfil sociodemográfico

As competencias avanzadas están máis estendidas entre as persoas de 25 a 34 anos (58,7%) e tamén entre aqueles galegos que, actualmente, están a estudar (69%). Este tipo de habilidades na contorna dixital é máis frecuente entre as persoas as que teñen formación universitaria (60%) e contan con rendas superiores aos 3.000 euros ao mes (59,6%).

O nivel de competencias dixitais básicas ou avanzadas superan xa o 80% entre as persoas menores de 45 anos, estudantes e persoas ocupadas por conta allea, con formación en FP ou superior.

As competencias dixitais baixas destacan entre a poboación a partir dos 55 anos, os dedicados a labores do fogar ou pensionistas, quen conta cun nivel de estudios inferior á segunda etapa de secundaria, e entre aqueles que contan con renda inferior aos 900 euros.

Cabe salientar que nas dimensións de Comunicación e Colaboración e Seguridade as mulleres superan aos homes no nivel avanzado.

Marco Galego de Competencias Dixitais para “non deixar a ninguén atrás”

Para facilitar a capacitación dixital da cidadanía, Galicia ten en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais, en vigor dende o 1 de xaneiro de 2022, aliñado co marco europeo e e enmarcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.

No último trimestre deste ano prevese realizar a primeira convocatoria para certificar -no Marco Galego das Competencias Dixitais- ao persoal das primeiras entidades colaboradoras (Rede CeMIT e titores EGAP); e, no 1º trimestre do ano 2023, abriranse as primeiras convocatorias para o conxunto da cidadanía e dos empregados.

Poden consultar os resultados detallados na web www.osimga.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/10/2022