A Xunta apoia o programa de estímulo do talento matemático Estalmat Galicia 2022 da Universidade de Santiago de Compostela

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron no acto inaugural desta iniciativa

 

Un total de 30 mozos e mozas de toda Galicia comezan esta fin de semana as actividades da iniciativa, que busca potenciar e descubrir novos talentos
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe no acto inaugural do programa de Estímulo do Talento Matemático Estalmat Galicia 2022, celebrado na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Argerey felicitou aos participantes e ás súas familias por ter sido seleccionados para participar na iniciativa, que conta co apoio da Xunta, e por optar voluntariamente por dedicar as mañás dos sábados durante o curso escolar a achegarse máis a esta materia. Así mesmo, agradeceu á Facultade de Matemáticas polo seu esforzo por descubrir novos talentos, unha acción que ten impacto a futuro no tecido produtivo.

 

Argerey reafirmou o convencemento da Xunta de Galicia de que o talento é o factor máis importante para que unha sociedade siga avanzando cara a un modelo baseado no coñecemento e na innovación. Neste sentido, a Axencia Galega de Innovación conta cun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas que persegue promover as carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

 

Dentro deste programa, a Axencia Galega de Innovación organiza diversas actividades dirixidas a fomentar as vocacións científicas entre a infancia e a mocidade como Voando alto, sumando vocacións, no ámbito do sector aeroespacial, ou o programa D'tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais, ademais de colaborar en actividades de divulgación científica con, entre outras entidades, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), como é o caso de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, a feira Galiciencia e as Aulas Tecnópole.

 

Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, celebrou a implicación da Universidade de Santiago de Compostela na programación de citas como esta nas que se brinda “unha oportunidade a aqueles alumnos aos que lles gustan as matemáticas e as ciencias e buscan afondar neste eido”. Neste senso, engadiu que as competencias STEM son cada vez máis importantes en todos os sectores e por iso a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén un compromiso firme co fomento do espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado.

 

Para facelo, tal e como explicou, a Xunta de Galicia ten en marcha programas como o STEMBach en 45 centros enfocado ao desenvolvemento destas competencias e das vocacións científico-tecnolóxicas. Así mesmo, este ano ponse en marcha a iniciativa Polos Creativos cun investimento de 8M€ a través da cal se dota aos centros educativos de espazos de innovación no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/10/2022