A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse recentemente co tenente de alcalde do municipio

A Xunta mediará ante Costas do Estado para buscar solucións á acumulación de area na praia de Laxe

Ángeles Vázquez informou aos representantes municipais dos avances no plan de xestión da Paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, que comezou a elaborar este verán e cuxa memoria inicial está pendente de someterse a participación pública

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022.- A Xunta de Galicia porase en contacto coa Dirección Xeral de Costas para pedir información e analizar posibles solucións á acumulación de area que se ven detectando de forma recorrente nos últimos anos nunha parte da praia de Laxe.

 

Así o comprometeu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha recente reunión con representantes do Concello de Laxe para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

 

Tal e como lle trasladou o tenente de alcalde, Francisco Charlín, desde que se construíu o novo porto da localidade cada ano se acumula area na zona do espigón antigo, á beira do paseo marítimo, o que fai necesario que Costas traslade o sobrante a outras zonas da praia. Esta situación está a xerar inquedanza e malestar na veciñanza xa que, segundo dixo, a area acumulada chega a obstaculizar a visibilidade do areal desde a zona urbana.

 

Pola súa parte e ante o problema exposto, a conselleira asumiu o compromiso de falar cos responsables do organismo estatal e tentar mediar para acadar unha solución satisfactoria na que se aborde a retirada da area atendendo en todo momento, como non podería ser doutro xeito, á protección do areal.

 

Por outra banda, Ángeles Vázquez informoulles aos representantes municipais sobre o estado de tramitación do plan de xestión da Paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural de 212 hectáreas situado entre Vimianzo e Laxe, e que desde o punto de vista xeolóxico supón unha prolongación ao leste da serra da Pena Forcada.

 

O acordo de inicio para elaborar este documento saíu publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 11 de agosto e nestes momentos, está pendente de que se someta a memoria inicial do plan de xestión da paisaxe protexida ao procedemento de participación pública.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/10/2022