A Coruña alcanza os 41 concellos emprendedores ao sumarse Cabana de Bergantiños a esta iniciativa para impulsar os investimentos empresariais

A localidade bergantiñá colabora coa Xunta de Galicia para impulsar a recuperación económica ofrecendo máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais
 

Galicia conta actualmente con 153 Concellos Emprendedores, xa que aos 41 da provincia da Coruña engádense 66 en Ourense e 23 tanto en Pontevedra como en Lugo


Esta figura, que se consolida na nova Lei de áreas empresariais, contribúe a implantar unha nova cultura administrativa na Comunidade para eliminar trabas burocráticas e intensificar a simplificación dos trámites
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022 Un total de 41 municipios da provincia da Coruña son xa Concellos Emprendedores tras a adhesión de Cabana de Bergantiños. Con esta distinción comprométese a colaborar coa Xunta de Galicia para poñer facilidades ao investimento empresarial e impulsar a reactivación económica ofrecendo máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

 

Galicia conta actualmente con 153 Concellos Emprendedores: aos 41 da provincia da Coruña engádense 66 en Ourense e 23 tanto en Pontevedra como en Lugo. Todos eles recollen o espírito da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica e contribúen así a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a redución dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que se fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplíanse os supostos para ser iniciativas empresariais prioritarias.

 

Coa figura dos Concellos Emprendedores, que se consolida coa nova Lei de áreas empresariais de Galicia, o Goberno galego reforza o seu compromiso de colaboración coas administracións locais. Así, a Xunta dálle prioridade a estas entidades locais en ordes de axudas en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o comercio local ou proxectos relacionados coa industria.

 

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas supoñen unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.

 

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

Data de actualización: 01/10/2022