A Xunta destaca en Vigo o papel das asociacións de comerciantes no impulso dos negocios locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na presentación da campaña ‘Premiamos a túa compra’, impulsado por As Travesas Centro Comercial Aberto, así como no sorteo da iniciativa ‘Mercar no teu comercio ten premio’, organizada a nivel autonómico pola Federación Galega de Comercio e coa colaboración neste caso da Asociación de Comerciantes de Navia

A Administración autonómica porá en marcha nas próximas semanas os Bonos Activa Comercio, con descontos de 30 euros para as compras nos establecementos adheridos

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 30 de setembro de 2022 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe en Vigo o papel das asociacións de comerciantes da cidade no impulso dos negocios locais, traballando de xeito conxunto para incrementar a súa competitividade e achegar novos servizos aos consumidores.

Heredia participou, no establecemento comercial Glamour, na presentación da campaña Premiamos a túa compra, que se celebrará do 3 ao 15 de outubro organizada por As Travesas Centro Comercial Aberto. Todos os clientes que realicen unha compra mínima de 15 euros nos establecementos participantes recibirán unha bolsa de deseño exclusivo.

Posteriormente, o director xeral de Comercio e Consumo asistiu na rúa Teixugueiras ao sorteo en directo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros.

Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Navia. Todos os clientes de Vigo que realizaran compras no comercio de proximidade entre o 26 de setembro e hoxe venres, 30 de setembro, puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

Estas iniciativas complementan as distintas accións impulsadas pola Xunta de Galicia para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que empezarán a funcionar nas próximas semanas. Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

 

Data de actualización: 30/09/2022