O presidente da Xunta participou na Mesa de Presidentes Autonómicos organizada polo IV Foro La Toja sobre o reto demográfico e a cohesión territorial

Rueda sinala a cooperación institucional, o apoio ás familias e a xeración de oportunidades como claves na estratexia ante o reto demográfico

Subliña que Galicia é pioneira e referente na posta en marcha de medidas para apoiar as familias e a conciliación, como a gratuidade da educación infantil e a Lei de impulso demográfico
 

Recalca a aposta da Xunta en servizos como as casas niño e do maior ou a mellora das infraestruturas sanitarias para fixar poboación e garantir o equilibrio territorial
 

Insta a un diálogo honesto a nivel nacional para abordar un fenómeno con múltiples riscos que afecta a toda Europa

O Grove (Pontevedra), 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe a cooperación institucional, o apoio ás familias e a xeración de oportunidades como claves na estratexia ante o reto demográfico, un asunto que cualificou como vital para Galicia e para España, e que centrou a Mesa de Presidentes Autonómicos organizada pola IV edición do Foro La Toja – Vínculo Atlántico.

 

Rueda asegurou que a Comunidade actúa en todas as frontes, desde o berce ata o bastón, con medidas “para estimular e mitigar os efectos” desta problemática mediante o apoio ás familias e á conciliación. No debate que compartiu cos presidentes de la Junta de Andalucía, Juanma Moreno; da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, e coa presidenta da Navarra, María Chivite, o titular da Xunta lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en implantar a gratuidade na educación infantil de 0 a 3 anos e é referente na posta en marcha de medidas como a primeira Lei de impulso demográfico de España, que eleva a cuestión demográfica ao máximo rango legal.

 

O xefe do Executivo autonómico incidiu na importancia da “xerar estímulos que permitan fixar e asentar poboación” para así garantir o equilibrio territorial. Deste xeito, sinalou a necesidade de que Galicia estea cada vez máis conectada, activa e equilibrada, a través de medidas que trasladen que aos galegos que dispoñen de emprego e servizos para, se así o desexan, formar unha familia.

 

Rueda salientou, entre outras iniciativas, a forte aposta autonómica pola Formación Profesional, unha modalidade de estudo “coa se crean oportunidades laborais para moitos mozos” e que este curso alcanzou en Galicia o máximo histórico de matrículas, con preto de 61.000 estudantes. Destacou, ademais, o enorme éxito da Estratexia Galicia Retorna, que ofrece becas a alumnado galego ou descendentes de galegos que residen no exterior para que poidan estudar un máster na comunidade.

 

Por outra banda, o presidente da Xunta situou a construción e renovación das infraestruturas sanitarias nos municipios galegos –ademais da modernización dos hospitais comarcais— como exemplo do traballo do Executivo para “frear un problema compartido por todas as Comunidades” como é a falta de persoal sanitario.

 

Para fomentar a actividade laboral, sinalou a aposta polos sector primario a través da Lei de recuperación da terra agraria e o programa de Impostos cero no rural, aínda que recalcou que o rural tamén pode ser un lugar de oportunidades para a industria e os servizos.

 

Neste senso, Rueda lembrou a “oportunidade histórica” que o Goberno central está a desaproveitar co retraso no reparto dos fondos europeos, “miles de millóns de euros que permanecen estancados” e que seguen a frear o desenvolvemento de proxectos tractores en Galicia e no resto de España.

 

Reto de todos

Ao longo do debate, o presidente da Xunta describiu o reto demográfico como un fenómeno que, dunha banda, pon en a conservación do territorio e a supervivencia de vilas e aldeas; e pola outra, unha conta atrás que obriga a unha profunda reflexión sobre a sustentabilidade dos servizos públicos.

 

Por esa razón, e en vista da coincidencia no diagnóstico, felicitou ao Foro pola pertinencia das reflexións en torno á demografía e apelou a abrir un debate honesto a nivel nacional desde a cooperación e a coordinación, xa que se trata dun problema que transcende cores e rivalidades políticas e non só afecta a España, senón a toda Europa.

 

Finalmente, Rueda considerou positivo que presidentes pertencentes a distintas familias políticas dialoguen, desde a cooperación que vai na esencia do marco autonómico e baixo a finalidade de que todos os gobernos aspiran a procurar o avance do seu pobo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2022