O Centro Superior de Hostelería de Galicia comeza o curso con varias formacións en sustentabilidade para empresas

O Centro está consolidado xa como referente internacional para o sector tanto en calidade como en especialización

Dentro do Plan de Formación de Turismo de Galicia, recóllese que Galicia debe apostar por un modelo turístico que contribúa ao desenvolvemento sostible do destino e ao cumprimento dos Obxectivos da Axenda 2030

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022 O Centro Superior de Hostelería de Galicia comeza o curso con varias formacións en sustentabilidade para empresas, seguindo coa aposta pola formación ao sector sendo un referente en canto a calidade e especialización.

Dentro do Plan de Formación de Turismo de Galicia, recóllese que Galicia debe apostar por un modelo turístico que contribúa ao desenvolvemento sostible do destino e ao cumprimento dos Obxectivos da Axenda 2030, polo que o Centro levará a cabo neste mes de outubro e no mes de novembro un curso sobre Programa de macrotendencias e sustentabilidade” e na última quincena de outubro o “Curso como deseñar o Plan de Sustentabilidade na miña empresa: deseño de guía e plan de acción”.

Programa de macrotendencias e sustentabilidade

Este programa levarase a cabo en 7 xornadas de maneira presencial os martes de 10 a 13 horas no Centro Superior de Hostelería (CSHG) nas que se expoñerán as diferentes temáticas e investigacións, e práctica a través da realización de casos de estudo entre os participantes para fomentar o networking entre empresas.

Durante as 7 xornadas as temáticas estarán enfocadas a guiar ás empresas cara a súa reconversión, mellora da competitividade, aforro enerxético ou adaptación ao cliente. Así o 11 outubro será o curso práctico “Macrotendencias e sustentabilidade no sector turístico”, o 18 de outubro o curso práctico “Interiorismo estratéxico: deseñando interiores, creando negocios”. O 25 de outubro levarase a cabo o curso práctico “Interiorismo estratéxico: método para o deseño interior de restaurantes”.

O vindeiro día 8 de novembro haberá o curso práctico “Aforro e eficiencia enerxética en hoteis e restaurantes”; o día 15, o curso práctico “Busca da diferenciación a través do interiorismo nos hoteis”; o 22 de novembro, o curso práctico “A estética como ferramenta de venda no hotel”; e finalmente o día 29 de novembro, “Arquitectura e ecoturismo: casos de éxito en Galicia.

Nestes cursos prácticos, para fomentar o networking entre os profesionais do sector, desfrutaran  dunha pausa café, a cargo  do  alumnado de 1º Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras supervisado polo Departamento de Servizos do CSHG.

Aqueles que estean interesados poden solicitar praza na seguinte ligazón: https://www.turismo.gal/espazo-profesional/calidade-turistica/cursos-de-formacion?langId=es_ES.

Curso “como deseñar o Plan de Sustentabilidade na miña empresa: deseño de guía e plan de acción”

Este curso que terá lugar do 17 ao 31 de outubro, inclúe 15 horas a través da plataforma de teleformación de Turismo de Galicia, repartidas en 5 sesións nas que os participantes poderán elaborar o  Plan de sustentabilidade da súa empresa e a folla de ruta para ser unha empresa responsable. Está especialmente indicado para empresas que estean en destinos onde estea en marcha un Plan de sustentabilidade en destino ou aquelas que desexen deseñar ou revisar o seu plan de sustentabilidade.

Neste plan de formación identifícanse como demandas prioritarias, a transformación dixital, a sustentabilidade ou a innovación como resposta ao novo paradigma do mercado turístico. O obxectivo deste programa é entender que a sustentabilidade supón na actualidade un factor estratéxico de éxito e resulta unha ruta axeitada para mellorar a rendibilidade das empresas.

Aqueles que estean interesados poden solicitar praza na seguinte ligazón: Plan de sustentabilidade na miña empresa (dixitagalicia.com)

 

Data de actualización: 03/10/2022