A Xunta activa a formación laboral de 20 persoas desempregadas da Guarda co obradoiro 'Manuel B. Portela VIII’

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Antonio Lomba, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa, que conta cun investimento de 504.000€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
 

Este obradoiro, cuxo formato dual estenderase nesta ocasión ata os doce meses tras aumentar a carga lectiva nun 33%, arrancou no centro de formación local e distribuirase nos módulos de Albanelería e Forestal-Xardinaría
 

“O emprego é un dos grandes eixos da acción da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo de mellora da empregabilidade, no que investiremos 4 M€ en oito obradoiros no sur da provincia”, explicou o representante autonómico

A Guarda, 3 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio da Guarda coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Manuel B. Portela VIII, que conta cun investimento autonómico de 504.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e do persoal directivo e docente do obradoiro, presidíu esta mañá na centro de formación local o acto de inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da ensinanza específica en oficios.

 

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída na Guarda e a súa comarca”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a Xunta “arranca na xornada de hoxe esta nova quenda, na que investiremos máis de 4 millóns de euros no sur da provincia para formar a 160 persoas sen traballo nos obradoiros da Guarda, Tui, Ponteareas, Salvaterra, Salceda, O Porriño, Gondomar e Mos”. En total, na provincia de Pontevedra haberá 23 iniciativas laborais destas características cun orzamento de 11,2 millóns de euros e 446 participantes.

 

O obradoiro de emprego Manuel B. Portela VIII contará cos módulos de Albanelería e Forestal-Xardinaría. A formación prolongarase durante doce meses –tres meses máis que o ano pasado xa que o formato incrementou de xeito xeralizado a súa carga lectiva nun 33% para toda Galicia– e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

 

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza no sur da provincia, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma cos oito obradoiros de emprego que arrancamos esta semana nas comarcas do Baixo Miño, O Condado, Louriña e Val Miñor, a potente oferta de FP ou os vindeiros cursos de formación para desempregados”.

 

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con servizos públicos e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2022