A Xunta inaugura en Lugo a exposición ‘ArteNON’ que integra a visión artística de 12 ilustradoras contra a violencia de xénero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor na presentación da mostra, o emprego da arte como instrumento de loita pola igualdade e para a sensibilización da cidadanía

A iniciativa inicia en Lugo o seu percorrido polas sete grandes cidades galegas

Lorenzana destacou a educación, sensibilización e toma de conciencia como claves para combater esta lacra

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 3 de outubro de 2022 A Xunta inaugurou hoxe a exposición ArteNON na delegación territorial da Xunta en Lugo, unha mostra que reúne a visión de 12 ilustradoras sobre a loita contra a violencia de xénero e aspira a xerar conciencia entre a cidadanía. A iniciativa, que percorrerá nesta primeira etapa as sete principais cidades galegas, foi posta en valor pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen destacou no acto de presentación -no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e a creadora Eva Carballeira- o emprego da arte como “instrumento de loita pola igualdade” e de “empoderamento feminino” contra esta lacra.

Tal e como destacou Lorenzana, con esta mostra, a Xunta “pretende contribuír á concienciación de toda a sociedade contra a violencia de xénero nas súas múltiples formas e manifestacións”. “As artistas, de diferentes idades e experiencias, empregan a arte como instrumento de loita pola igualdade de xénero e como símbolo de empoderamento feminino contra as agresións machistas”, remarcou.

A violencia contra as mulleres é, segundo relatou a titular de Igualdade na Xunta, “a punta do iceberg dun problema de fondo que require de sensibilización, educación e toma de conciencia”. Nesta liña lembrou que os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (primeiro semestre do 2022) falan dun total de 1.695 denuncias presentadas (un 18,2% máis que no mesmo período de 2021) e da adopción de 322 ordes e medidas de protección e seguridade para as vítimas (38,8% máis que o ano pasado). “Datos alarmantes pero que tamén dan boa conta de que algo está a cambiar, e que o que antes quedaba restrinxido ao ámbito familiar, silenciado e minusvalorado, agora sae a luz da man das propias vítimas e protagonistas desta historia”, destacou.

Lorenzana quixo subliñar o traballo que a Xunta está a focalizar no eido da educación, unha das medidas “máis relevantes, efectivas e necesarias” para chegar ás persoas mozas e a toda a poboación, afirmou.

O Goberno galego segue a previr e sensibilizar, para visibilizar e crear conciencia social, para dicirlle “non” á violencia de xénero. “Iniciativas como esta impactante exposición, que contribúe a xerar reflexións e achegar esta teima ás prioridades presentes da cidadanía, é benvida e apoiada pola Consellería de Igualdade, e máis aínda cando se fai de man da arte e do talento de mulleres galegas”, engadiu Lorenzana.  

Doce ilustradoras

A exposición xira arredor da conceptualización da violencia de xénero, para xerar unha mirada crítica e intransixente ao respecto.

Doce artistas colaboradoras protagonizan cadanseus tótems nos que interpretan a súa visión na loita contra a violencia de xénero. Trátase de Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán, Lara Torres e Laura Tova.

A mostra permanecerá aberta na Delegación territorial da Xunta en Lugo, na Ronda da Muralla, durante un mes e poderá ser visitada en horario de 9,00 a 20,30 horas. Continuará a súa itinerancia pola cidade de Ourense. No seu percorrido chegará nos próximos meses ás sete principais cidades de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2022