A Xunta ratifica a súa aposta polos empregos verdes na inauguración do obradoiro dual ‘Reserva da biosfera’ no que colaboran 8 concellos coruñeses

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, abriu hoxe o novo obradoiro dual ‘Reserva da Biosfera: emprego verde II’ organizado por Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada


O Goberno galego destina a esta actividade 513.000 euros para formar 20 persoas desempregadas durante 12 meses e incentivar a súa inserción laboral


O obradoiro estará especializado na conservación e mellora de montes e xardinería


A Xunta está a destinar máis de 50 millóns de euros á convocatoria de obradoiros duais 22-23 co que se aspira formar máis de 2.000 persoas desempregadas
 

Compartir
  • whatsapp

Abegondo (A Coruña), 3 de outubro de 2022 A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na inauguración do obradoiro dual Reserva da Biosfera: Emprego Verde II. No acto puxo en valor a orientación destas actividades cara á formación forestal enfocada ás aldeas modelo, contornas do Camiño de Santiago ou as áreas Reserva da Biosfera.

O obradoiro que hoxe inicia a súa andaina constitúe para Lado exemplo deste enfoque novidoso cara a unha economía con máis empregos verdes. Un total de 20 persoas formaránse durante 12 meses na especialidade de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e, por outra banda, de viveiros, xardíns e centros de xardinaría.  

A directora xeral destacou a implicación de oito concellos -Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada- na organización do taller que, como destacou, entronca directamente coa estratexia comunitaria cara a unha economía “ecoloxizada, con máis empregos verdes, que debe ser motor de crecemento e benestar, favorecendo novas oportunidades de emprego”.

“O futuro que nos agarda vira ao verde, con empregos respectuosos co medio ambiente, que melloren a vida das persoas e protexan a saúde do planeta”, insistiu Lado.

A Xunta de Galicia está a investir 513.000 euros no obradoiro dual Reserva da Biosfera, tanto para o seu desenvolvemento como para incentivar seis contratacións. A actividade forma parte da convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para os anos 2022 e 2023, que vén de ampliar dos 9 aos 12 meses o período formativo e o seu orzamento global nun 25% ata superar os 50M€ e “atender á totalidade das solicitudes admitidas”, indicou a directora xeral.

En dous anos celebraranse en Galicia un cento de obradoiros duais de emprego que permitirán ofrecer contratos de formación e aprendizaxe a unhas 2.000 persoas durante un ano.

Zeltia Lado dirixiu unha mensaxe aos 20 alumnas e alumnos que tomarán parte na actividade presentada hoxe en Abegondo: “Ides ser artífices da transformación e mellora de diferentes espazos: fincas forestais, camiños, montes e zonas verdes e recreativas”. A directora xeral incidiu na importancia de que, cos traballos do obradoiro, estas persoas poidan dexar “unha pegada visible na contorna, compartida de forma colectiva”.

Galicia está a construír un ecosistema formativo de primeiro nivel para poñer ao alcance das persoas desempregadas unha cualificación innovadora, recursos, coñecementos e oportunidades. Desde 2009 a Xunta de Galicia leva investidos 360 millóns de euros na organización de case 800 obradoiros nos que se formaron 17.000 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2022