A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe este espazo natural en Lalín

A Xunta publica o plan de conservación da Fraga de Catasós que destina 250.000 euros á posta en valor deste monumento natural nos próximos anos

Belén do Campo salienta que este espazo natural presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza xa que a súa maior parte constitúe un importante bosque mixto de carballo e castiñeiro

Lalín (Pontevedra), 3 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o plan de conservación da Fraga de Catasós, en Lalín, que, segundo subliñou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destina 250.000 euros á posta en valor deste monumento natural durante os próximos 10 anos.

 

O obxectivo deste plan é protexer esta formación boscosa de notoria singularidade para o que se determinaron dúas liñas de actuación. Unha primeira ten como obxectivo a mellora da conservación da formación senlleira, o patrimonio natural e a paisaxe. E, por outro lado, a segunda liña buscará mellorar o uso público e o estudo e difusión dos seus valores naturais.

 

O decreto polo que se aproba este plan de conservación entrará en vigor dentro de 20 días naturais e a súa vixencia será indefinida, aínda que cabe a posibilidade de que sexa actualizado conforme ao estado da ciencia e da técnica, así como da aplicación das medidas de seguimento correspondentes.

 

Segundo salientou Belén do Campo durante unha visita a este monumento natural, na que estivo acompañada polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, a Fraga de Catasós presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza xa que a súa maior parte constitúe un importante bosque mixto de carballo e castiñeiro, coa súa vexetación acompañante característica.

 

O máis destacado do grupo de castiñeiros son os seus portes íntegros, non modificados polas podas e demoucas, como sucede na maior parte dos soutos galegos, polo que desenvolveron robustos e elevados troncos con ramificación monopódica. De feito, estes exemplares foron considerados como os mellores de Europa no tocante á súa envergadura e porte. Así, no último inventario realizado, o castiñeiro máis alto contaba con 32 metros de altura e o máis groso, con 4,62 metros de perímetro. A súa idade estimada é duns 280 anos.

 

A directora xeral lembrou que nos últimos 6 anos, o Goberno galego leva investidos máis de 65.000 euros en diversas actuacións como limpeza de camiños, reconstrución de muros e melloras da sinalización. E, de cara ao futuro, entre outras medidas, avanzou o compromiso de realizar un estudio para avaliar a zona de estacionamento que permita un acceso seguro, doado e accesible ao espazo protexido, así como valorar o estado de conservación, detectar exóticas invasoras e actualizar a sinaléctica de ser necesario.

 

Cómpre lembrar que coa aprobación deste plan, este espazo ven a sumarse a outros espazos protexidos nos que recentemente se levou a cabo a aprobación da súa planificación: os Plans Reitores de Uso e Xestión dos Parques Naturais e do Parque Nacional, ou os plans de conservación do Monumento Natural da praia das Catedrais ou do Souto da Retorta.

 

Este ano iniciouse tamén a elaboración do instrumento de planificación da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e, proximamente, comezarase a traballar na elaboración dos instrumentos de planificación dos Monumentos Naturais da Costa de Dexo e de Pena Corneira.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2022