A Xunta organiza a semana que vén en Monforte ata cinco xornadas sobre xestión técnico económica de distintos tipos de explotacións

Previstas do 10 ao 14 de outubro, as accións formativas abordarán as peculiaridades das granxas de vacún de leite, das explotacións de gandería extensiva, das que precisan base territorial e das de cultivos, fruticultura, vitivinicultura e apicultura

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén ata cinco xornadas sobre xestión técnico económica de distintos tipos de explotacións. Todas as accións desenvolveranse de 10,00 a 14,15 horas no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte.

Así, o luns 10 de outubro terá lugar unha xornada sobre a xestión das granxas de vacún de leite e ese mesmo día, así como o martes 11, abordaranse as peculiaridades das explotacións de gandaría extensiva. Mentres, o xoves 13 trataranse as granxas con necesidade de base territorial e o venres 14 as explotacións de cultivos, fruticultura, vitivinicultura e apicultura. 

O obxectivo xeral de todas estas accións formativas é presentar a xestión técnico económica como unha ferramenta para reducir a incerteza na actividade agrogandeira. Deste xeito, definirase o concepto, tratarase a súa utilidade, analizaranse de maneira pormenorizada as fases que comprende e o produto final que se obtén. Tamén se analizarán diversos conceptos que teñen que ver coa xestión como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos.

Cómpre engadir que no caso da xornada sobre o vacún de leite analizaranse casos reais e empregarase a aplicación Conta Láctea implementada pola Xunta para calcular os custos de produción deste tipo de granxas.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes. Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 106, ou enviarse un correo a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal.

Data de actualización: 04/10/2022