Particulares e comunidades de veciños poderán optar a partir de mañá a axudas de ata 12.500 € para facer máis accesibles as súas vivendas e edificios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a convocatoria do programa, cun orzamento de 4,3 M€ e prazo de solicitude ata o 7 de novembro
 

Os incentivos serán de, como máximo, 6.000 € por vivenda no caso de que esta forme parte dun edificio residencial, de 9.000 € se a intervención busca mellorar a accesibilidade nun edificio, e de ata 12.500 € se se trata dunha vivenda unifamiliar
 

Se algún dos residentes é unha persoa con discapacidade igual ou superior ao 33%, a contía das axudas para mellorar o acceso á vivenda pode chegar aos 18.000 €

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia publica hoxe a convocatoria do programa de axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no eido residencial, cun orzamento previsto para este ano de 4,3 millóns de euros e incentivos que poden chegar ata os 18.000 euros por vivenda en determinados supostos.

 

Estas subvencións, que poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 7 de novembro, van dirixidas a apoiar aos propietarios no financiamento de intervencións sobre vivendas unifamiliares e edificios de uso colectivo, incluíndo obras tanto nos espazos comúns do inmoble como individualmente nas vivendas que o compoñen. Poderán acollerse ao programa as persoas propietarias ou usufrutuarias dos inmobles, as comunidades de veciños ou as sociedades cooperativas.

 

O obxectivo é levar a cabo actuacións que permitan suprimir barreiras arquitectónicas en edificios e vivendas de uso residencial. En concreto, entre as obras subvencionables inclúese a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos e visuais e dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.

 

As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, o prazo de cada obra non poderá exceder de 12 meses en vivendas unifamiliares e de 24 meses en edificios residenciais.

 

No que respecta á contía das axudas, chegarán a, como máximo, o 60% do custo da actuación, aínda que esta porcentaxe poderá subir ata o 80% se na vivenda ou no edificio en cuestión reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

 

Máis polo miúdo, no caso de que a subvención se solicite para intervir sobre un edificio co fin de mellorar a súa accesibilidade, os incentivos serán de ata 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial.

 

Se a solicitude de financiamento ten que ver cunha actuación que se realiza no interior dunha vivenda que forma parte dun edificio residencial colectivo, o importe da axuda será de 6.000 euros, e por último, se se trata dunha unifamiliar, o propietario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible.

 

En calquera caso, nos tres supostos a axuda incrementarase ata os 15.000 euros por vivenda se na mesma reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.

 

Ademais, no suposto de edificios ou vivendas Ben de Interese Cultural (BIC), catalogados ou que teñan algún tipo de protección, os importes mencionados poderán incrementarse en 3.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2022