O presidente da Xunta interveu no Parlamento de Galicia para explicar as medidas en materia de vivenda do Goberno galego

Rueda reforza o compromiso da Xunta coa emancipación da mocidade galega co aval do 20% na compra de vivenda

“A emancipación é un soño se non se ten vivenda”, argumentou sobre a importancia desta medida dirixida á xente nova
 

Adianta que o Executivo autonómico multiplicará por cinco en 2023 o orzamento para facilitar a adquisición dunha vivenda de protección autonómica nova ou rehabilitada
 

Avanza que Galicia contará con 1.200 novas vivendas públicas, 1.000 de nova construción e 200 rehabilitadas
 

Santiago de Compostela,  5 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe no pleno do Parlamento de Galicia o compromiso do Goberno galego coa emancipación da xente moza, a través do aval do 20 por cento que se lle vai conceder na compra da vivenda, “porque a emancipación é un soño se non se ten vivenda”, argumentou.

Na súa intervención sobre as políticas de vivenda da Xunta de Galicia, Rueda salientou a importancia deste novo aval, xa que advertiu de que, ata o de agora, moita xente nova “non podía acceder a unha vivenda porque non chegaba a este 20 por cento”. Deste xeito, a mocidade galega que queira comprar un piso non terá por que poñer ningunha entrada, xa que o Executivo galego avalará o importe que habitualmente non cobran os bancos, o que axudará os mozos menores de 36 anos a acceder a súa primeira vivenda. O presidente explicou que esta medida forma parte das “políticas reais” que están a levar a cabo o Goberno galego ante unha materia que lle “preocupa moitísimo”.
 

Así, remarcou as axudas para facilitar a adquisición dunha vivenda de protección autonómica nova ou rehabilitada, que se lanzaron por primeira vez en 2021 e que, tralo seu éxito, o Executivo autonómico “multiplicará por cinco” no orzamento de 2023. “É o que a xente demanda, xestión eficaz”, defendeu.

Tamén destacou un novo programa de mobilización de vivendas en alugueiro, que dá máis seguridade tanto a arrendadores como a arrendatarios e co que, segundo adiantou, se agarda “poñer 300 vivendas á disposición da xente”.
 

Rueda tamén apuntou os 27 millones de euros para bonos de alugueiro recollidos no ano 2023: o social, o de mocidade e o bono xeral e salientou como obxectivo irrenunciable o de dotar a Galicia de 1.200 novas vivendas públicas: 1.000 de nova construción e 200 rehabilitadas.

 “Imos axudar a xente a que alugue, se queren alugar; e a que compren, os que queiran comprar”, esgrimiu o presidente, quen garantiu que o Goberno galego “seguirá traballando con cifras e executando orzamentos, sen facer demagoxia”.
 

Incremento do 50% do complemento do bono social térmico

Na súa intervención no pleno do Parlamento galego, Rueda tamén afondou nas medidas en materia de política social da Xunta de Galicia, da que subliñou o reforzo da a súa rede de protección social, xa que “desde 2009 duplicáronse os fondos públicos destinados a políticas sociais, nas que investiron 930 millóns de euros este ano”.

 

Ademais, subliñou que os orzamentos do vindeiro ano 2023 serán os máis sociais da Historia de Galicia, con menos impostos para as clases medias e traballadoras e uns apoios dunha intensidade sen precedentes para as galegas e galegos máis vulnerables: tanto no ámbito da protección social como do emprego e a vivenda.

 

Precisamente, salientou a achega autonómica para axudar máis de 66.000 fogares a pagar as facturas da calefacción e a auga, a través do complemento ao bono social térmico, e adiantou que o vindeiro ano a Xunta vai incrementar nun 50% o importe que percibirá cada un dos seus beneficiarios: de 100 a 150 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2022