Luis López traslada o apoio da Xunta ao sector comercial con medidas como os Bonos Activa Comercio 2022, que mobilizarán 17 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra informou desta nova iniciativa do Goberno galego, que se porá en marcha nas vindeiras semanas, durante unha reunión do traballo co presidente da Federación Provincial de Comercio, Iván Iglesias, e outros membros da xunta directiva

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inxectará 5 M€ nesta actuación para outorgar bonos de desconto de 30 € a 166.000 galegos para as súas compras no comercio local ata o 15 de decembro

 

Compartir
  • whatsapp

Pontevedra, 5 de outubro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, trasladou hoxe ao sector comercial o apoio do Goberno galego a través de iniciativas como os Bonos Activa Comercio 2022, impulsados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e que se porá en marcha nas próximas semanas coa previsión de mobilizar uns 17 millóns de euros.

O representante autonómico informou desta nova iniciativa do Goberno galego a prol do comercio de proximidade nunha reunión de traballo mantida este mediodía no edificio da Xunta en Campolongo co presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, que acudiu acompañado da vicepresidenta, Silvia Crespo. Na mesma tamén se abordaron outras campañas con respaldo do Executivo autonómico, como Mercar no teu Comercio ten Premio, que está actualmente en marcha, e outras cuestións de intereses para este sector.

Os Bonos Activa Comercio 2022 manterán a mesma dinámica que a exitosa edición anterior e contarán cun orzamento de 5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, o que permitirá outorgar bonos de desconto de 30 euros a 166.000 galegos.

Estes bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización a través dunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. Poderán empregarse ata o 15 de decembro (salvo esgotamento previo do seu saldo) nos establecementos comerciais adheridos –cuxo prazo de inscrición se abrirá proximamente–, que se poderán consultar na páxina web da campaña.

“Cremos decididamente no pequeno comercio pola riqueza e o emprego que xera e pola vida e dinamismo que lle outorga ás nosas cidades e vilas e por iso, con esta iniciativa da Xunta, agardamos que se estimulen as vendas e que se reactive aínda máis a súa situación económica, ao tempo que se reduce o impacto que padece polo actual contexto xeral de redución do consumo”, explicou o delegado territorial, que amosou a súa esperanza de que esta campaña “teña a mesma pegada no sector e a mesma acollida nos clientes que a exitosa edición do pasado ano”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2022