A Xunta reforza as políticas de prevención na saúde mental coa posta en marcha dun novo Protocolo contra o risco suicida na infancia

O Plan, deseñado polas consellerías de Educación e Sanidade, recolle a creación dunha vía rápida de derivación para o alumnado de risco moderado, coordinando centros escolares, 061, atención primaria e servizos de saúde mental
 

Inclùese a realización dunha enquisa de saúde anual que permita coñecer os factores de risco e protección do alumnado galego
 

Creáse un programa especial “Código Agarimo”, dentro do sistema Alerta Escolar do 061 para a atención do risco suicida

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade presentou hoxe, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, a actualización do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, que o departamento sanitario galego presenta xunto coa Consellería de Educación, Cultura, Formación Profesional e Universidades.

 

No acto, no que o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; así como pola directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán, e polo de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, o responsable da sanidade pública galega dixo que este protocolo é froito do traballo de expertos que pertencen a diferentes ámbitos da sociedade e aos que agradeceu o seu traballo.

 

Segundo sinalou Comesaña, este documento incorpora novidades moi importantes con respecto ao protocolo previo e aos seus homólogos noutras comunidades autónomas. Trátase, -remarcou Comesaña-, dun proxecto que conecta coas liñas estratéxicas do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, co Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 e da Estratexia de Convivencia Escolar.

 

Como consecuencia deste novo protocolo, créase, -subliñou Comesaña-, a primeira vía rápida de derivación en saúde mental, estruturada de xeito análogo en todas as áreas sanitarias e organizada polos servizos de admisión e os servizos de psiquiatría. Esta vía rápida, -dixo o conselleiro-, “supón organizar a atención doutra maneira, priorizando a valoración do risco suicida na adolescencia e coordinando centros escolares, 061, atención primaria e saúde mental, tanto con respecto a como actuar en casos de urxencia ou cando xa estean en seguimento”.

 

O protocolo contempla, tamén, a creación do programa especial Código “Agarimo” dentro do sistema Alerta Escolar de 061 para a atención do risco suicida.

 

Asemade inclúe a realización dunha enquisa de saúde anual, que vai permitir coñecer os factores de risco e protección do alumnado galego. Xa no próximo curso, -proseguiu o conselleiro-, contarase cunha mostra representativa da nosa poboación estimada en 4.000 nenos e nenas, que irá aumentando progresivamente ata converterse nunha mostra de 20.000 estudantes en 2026, “o que permitirá deseñar programas específicos segundo as necesidades das diferentes comunidades”, tomando como unidade cada centro escolar.

 

Todos os equipos traballarán, a partir de agora, cos mesmos instrumentos de avaliación do risco e terán, ao longo deste curso, formación especializada para abordar, de xeito coordinado, as condutas suicidas, -sinalou o titular da carteira sanitaria-, quen tamén incidiu en que, a nivel educativo, regúlanse as accións a desenvolver para a acollida na clase das persoas que fixeron un intento de suicidio, coa poderosa axuda dos círculos de diálogo, e coordínanse, tamén, as accións a desenvolver no caso de que haxa que lamentar o falecemento por suicidio dun dos escolares.

 

Incremento de profesionais

Este protocolo que hoxe actualizamos, -remarcou o máximo responsable do Sergas-, vencéllase ao Plan de Prevención do Suicidio, publicado en Galicia no 2017. Un plan a través do que se promoveu a coordinación entre as institucións e os axentes implicados na prevención suicida, como queda patente no documento hoxe presentado, e na constitución da comisión interdepartamental para a prevención da conduta suicida en Galicia. Nela están representadas diferentes administracións públicas e entidades representativas de doentes; incrementando a sensibilización e a concienciación da sociedade sobre o suicidio como un problema de saúde; así como mellorando a atención que dende a organización sanitaria se lles presta, tanto ás persoas que presentan conduta suicida como aos seus achegados. Xunto ao anterior, foméntase a investigación e o coñecemento ao respecto.

 

Na súa intervención, Comesaña remarcou que a prevención dos problemas de saúde mental e do suicidio é unha das liñas estratéxicas da Xunta. O Executivo galego puxo en marcha o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, cun compromiso de contratación de 240 novos profesionais, dos que hoxe, en outubro de 2022, están xa traballando máis da metade.

 

O obxectivo da Xunta é que Galicia conte a finais do ano con unidades multidisciplinares dse atención a persoas en risco de suicidio en todas e cada unha das áreas sanitarias. Cada unidade conta con alo menos un profesional de enfermería de saúde mental, psicoloxía e psiquiatría, levando a cabo un programa baixo un modelo proactivo e sistematizado.

 

Seguindo este obxectivo, a semana pasada púxose en marcha a sexta das sete previstas. Coa nova unidade de Prevención de Condutas Suicidas, en Pontevedra, que se sum ás xa existentes en A Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo e Ourense.

 

Tal e como remarcou o conselleiro, dentro do mesmo plan tamén se contemplaba a atención á saúde mental de infancia e adolescencia. Nos últimos anos “puxemos en marcha catro hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil”, dispositivos particularmente acaecidos para as intervencións de alta intensidade como son as provocadas por risco suicida, o último deles no Hospital Público de Lugo. “O noso obxectivo é chegar en 2024 a sete, un por área sanitaria”.

 

Este incremento de recursos e centros para a atención en saúde mental infanto xuvenil permiten a Galicia ser unha das primeiras comunidades autónomas en formar a médicos especialistas en psiquiatría da infancia, un fito longamente agardado no sector.

 

Sanidade prevé, tamén, accións a levar a cabo no ámbito comunitario, coa colaboración de entidades sociais, para o cal establécense subvencións que, neste ano, superaron os 800.000 euros.

 

Do mesmo xeito, o obxectivo de toda actuación na saúde mental ten que ser a inclusión plena na sociedade. Por iso “estamos a reforzar o apoio ás entidades sociais, colaborando coa realización de programas sociosanitarios no ámbito da prevención do suicidio. Froito destes programas, beneficiáronse no pasado ano máis de 900 persoas, “e esperamos poder acadar no 2022 máis de 1.700 beneficiarios”.

 

Tamén destacou Comesaña a colaboración que, coa Consellería de Política Social, Sanidade ten establecida para o desenvolvemento do programa VIDA (Vixiantes de Axuda). Un programa iniciado neste ano que ten como obxectivo formar aos profesionais de atención directa de menores en situación de vulnerabilidade e baixo a supervisión do sistema de protección de ferramentas para unha prevención eficaz.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/10/2022