O presidente da Xunta interveu no Parlamento de Galicia para explicar as actuacións do Goberno galego neste eido sanitario

Rueda amosa o compromiso da Xunta coa saúde mental coa creación o vindeiro ano de 61 prazas máis de especialistas

Subliña o reforzo do cadro de persoal, xa que desde o 2020 se efectuaron novas contratacións que permiten contar con 125 profesionais máis en saúde mental
 

Garante que o Executivo autonómico fará fronte a este “problema serio” con máis investimentos, entre os que destaca os 9,1 M€ para prazas en centros de rehabilitación, pisos protexidos e residencias especializadas
 

Avanza que no 2023 tamén se completará a rede de hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil na Coruña, Ferrol e Pontevedra, polo que se cubrirá ás sete principais cidades galegas
 

Santiago de Compostela,  19 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou hoxe o compromiso da Xunta para facer fronte ao “serio problema” da saúde mental co reforzo do cadro de persoal e anunciou a contratación o vindeiro ano de 61 especialistas máis, cun investimento de 2,6 millóns de euros recollidos nos Orzamentos que entrarán mañá mesmo na Cámara galega. Deste xeito, desde 2020 efectuáronse novas contratacións que permiten contar con 125 profesionais máis nesta área sanitaria.

Na súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia, o titular do Executivo galego admitiu que a saúde mental é un “tema que lle preocupa” ao Goberno autonómico e advertiu que se trata dun “problema serio que vai ir a máis”. Por iso, amosou o compromiso da Xunta para facerlle fronte con “propostas abertas e con orzamentos”.
 
En concreto, adiantou unha partida de 9,1 millóns de euros no 2023 dirixida a prazas en centros de rehabilitación, pisos protexidos ou residencias especializadas, “un 50% máis do que se investía no inicio desta lexislatura”, subliñou.
 

Hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil

O presidente da Xunta fixo especial referencia á repercusión dos problemas de saúde mental entre a cativada e a mocidade. A este respecto, apuntou ás consecuencias da pandemia e do confinamento nesta área da poboación. Por iso, puxo en valor os catro hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil creados polo Goberno galego en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e anunciou que para o vindeiro 2023 se completará esta rede con tres servizos máis nas cidades que aínda non dispoñen dun: A Coruña, Ferrol e Pontevedra.

O presidente da Xunta enxalzou que Galicia conta xa na actualidade con “máis servizos ca nunca” para atender a persoas con algunha doenza mental e apuntou a contratación de 125 profesionais de saúde mental para reforzar a Sanidade pública galega “e que a día de hoxe xa están a traballar”.
 

Rueda tamén destacou o esforzo do Goberno galego no reforzo de prazas de formación para profesionais sanitarios especializados ou incremento en máis dun 50% das prazas para psicoloxía e nun 33% as de psiquiatría. Ademais, salientou o feito de que Galicia “unha das primeiras comunidades” en formar psiquiatras especialistas en saúde mental infantoxuvenil.

137 M€ máis na Atención Primaria

Na súa intervención no pleno do Parlamento, o presidente da Xunta tamén garantiu que o Goberno galego continuará a reforzar e mellorar a sanidade pública. Así, salientou que a Atención Primaria se reforzará en 2023 con 137 millóns de euros máis e 130 novas prazas de profesionais.

Apuntou tamén nestas melloras á inclusión de novas patoloxías no decreto de garantía de tempos máximos, para que tamén se poidan beneficiar das vías rápidas para acurtar prazos. En cifras xerais, concretou que foron un total de 200.000 persoas con patoloxías graves as que tiveron acceso a unha primeira consulta e unha proba diagnóstica en menos de 60 días, a través dos mecanismos regulados por ese decreto desde 2018.
Neste senso e facendo mención á celebración hoxe do Día Mundial do cancro de mama, puxo en valor que este ano grazas ás vías rápidas de cancro postas en marcha pola Xunta houbo máis de 11.000 pacientes de cancro que tiveron unha primeira diagnose nunha media de seis días.
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/10/2022