A Xunta duplica o orzamento para apoiar a adquisición de vehículos eléctricos e a implantación de puntos de recarga

Rueda destaca a aposta do Goberno galego por “promover unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente” e que contribúa “ao aforro da cidadanía ao reducir o consumo de combustible”
 

Resalta que o programa Moves III disporá de 40,5 millóns de euros tras obter a ampliación solicitada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration, para chegar ao maior número de beneficiarios posible
 

Avanza que o Goberno galego aspira a “mobilizar 200 millóns de euros, promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible”, así como reducir o impacto de CO2
 

Lembrou que xa se concederon 2.594 axudas por un importe total de 11,6 millóns de euros e unha mobilización que supera os 77 millóns
 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de decembro de 2023
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de  2022
Compartir
  • whatsapp

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello avaliou na reunión desta mañá a ampliación do Moves III, o programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que contará cun total de 40,5 millóns de euros. Deste xeito, Galicia duplica o orzamento dirixido ás axudas para que cidadáns, autónomos ou pequenos empresarios merquen vehículos eléctricos ou instalen puntos de recarga.

Rueda, que enmarcou esta iniciativa na aposta do Goberno galego por impulsar a mobilidade sustentable, resaltou que o programa Moves ten o dobre obxectivo de, por unha banda “promover unha mobilidade máis respectuosos co medio ambiente” e, por outra, “contribuír ao aforro dos cidadáns ao reducir o consumo de combustible”.
 

Conta cun orzamento de 40,5 millóns de euros e, segundo debullou o mandatario galego, con este programa aspírase a mobilizar “200 millóns de euros e promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible”, así como acadar unha redución de CO2.

Rueda salientou a boa acollida e o “éxito” da convocatoria de 2021 e por iso defendeu que a Xunta de Galicia solicitase a súa ampliación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration co obxectivo de atender todas as solicitudes e seguir apoiando o maior número de beneficiarios posible.

Así, o presidente informou de que, nestes momentos, “xa se concederon un total de 2.594 axudas por un importe superior aos 11,6 millóns de euros e unha mobilización de máis de 77,4 millóns”. En concreto, outorgáronse 2121 axudas para a adquisición de vehículos por 8,8 millóns de euros, e 473 para a instalación de puntos de recarga por 2,8 millóns.

As persoas interesadas poden seguir presentando as súas solicitudes, que se tramitarán a través das 531 entidades colaboradoras adheridas -167 concesionarios ou puntos de venda de vehículos e 364 instaladores eléctricos-. O prazo de presentación, segundo concretou o presidente da Xunta, estará aberto ata o 31 de decembro de 2023.
 

Dúas liñas de axuda

Rueda explicou que a primeira liña de axudas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible e as achegas “oscilan entre os 700 como mínimo e os 9000 euros como máximo” por vehículo e en en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. O presidente aclarou que os particulares só poden dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.

O mandatario galego afondou tamén na segunda liña do Moves III. Así, indicou que se dirixe á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30 % e o 80 % do custo subvencionable en función do tipo de solicitante (autónomos, particulares, comunidades de propietarios, administracións ou empresas), potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, salientou como “novidade, que a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40 %”.
 

As axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.

As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 5M€ para apoiar un total de 1000 proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, apoiouse a adquisición de preto de 2500 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2022