A Xunta aproba a primeira normativa galega de vivendas colaborativas ou ‘cohousing’

Rueda destaca que esta nova modalidade de recurso permite que un grupo de persoas maiores vivan nun mesmo lugar “de xeito autónomo” e compartan servizos

Subliña que a Xunta da resposta con esta regulación á demanda da sociedade que esixe un novo modelo de coidados que atenda “ás necesidades e preferencias das persoas maiores”

Con esta normativa, o Goberno galego regula e define as condicións materiais, arquitectónicas e de persoal con que deberán contar estas instalacións

Deberá albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos

Contarán con espazos privados, outros de uso común, así como unha zona de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran de coidados

A Xunta reforza a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lles permitan ás persoas maiores decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou na súa reunión desta mañá a primeira normativa galega de vivendas colaborativas, o modelo de convivencia denominado ‘Cohousing’. “Trátase dunha normativa que regula e define as condicións materiais, arquitectónicas e de persoal en que desenvolverá esta nova tipoloxía de recurso que permite a un grupo de persoas maiores vivir nun mesmo lugar de xeito autónomo e compartir servizos”, explicou.

 

Rueda destacou que o ‘cohousing’ ou vivenda colaborativa é un modelo de convivencia que conta cunha ampla traxectoria noutros países como os nórdicos. A regulación que agora aproba a Xunta permite, subliñou, dar resposta a unha demanda da sociedade que esixe un novo modelo de coidados “que atenda ás necesidades e preferencia das persoas maiores”. Porque o obxectivo, como resaltou o presidente, é impulsar medidas para que os maiores poidan ter unha vida “autónoma e libre”.

 

Entre as condicións e requisitos que se establecen nesta normativa atópase que as instalacións poderán albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos. Ademais, os centros contarán con espazos privados —conformados por un cuarto, baño, cociña, salón e rocho—así como zonas de uso común. 

 

Así mesmo, tamén se prevé unha sala ou espazo de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran coidados. Ademais, estes centros deberán contar cun plan de organización de servizos e actividades comúns. No caso de haber persoas dependentes, estas poderán ser atendidas mediante un servizo ou axuda pública ou a través de profesionais vinculados ao centro.

 

Este tipo de recurso, que conta cunha ampla traxectoria nos países nórdicos, xerou un importante interese social en Galicia durante os últimos tempos.

 

Servizos de proximidade

O Goberno galego reforza a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lles permitan ás persoas maiores decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, destaca o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais aos domicilios das persoas maiores e no cal Galicia é líder a nivel nacional con máis de 25.000 usuarios.

 

Outros programas que perseguen este mesmo obxectivo son o impulso de máis dun cento de casas do maior; o programa Coidados porta a porta, que percorre todo o territorio galego ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; o Xantar na casa, que leva menús sans e equilibrados aos fogares de 1800 maiores, ou a teleasistencia, que ofrece un apoio tecnolóxico para recibir atención inmediata en caso de emerxencia.

 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2022