A Xunta adxudica a actualización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia para coñecer o estado de conservación destas especies e dos seus hábitats

Este reconto farase no mes de xaneiro, que é cando se rexistran menos movementos entre as distintas localidades

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022 A Xunta vén de adxudicar a actualización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia para coñecer o estado de conservación destas especies e dos seus hábitats. A elaboración deste censo resulta unha base esencial para o desenvolvemento de prioridades de conservación de especies e para valorar os cambios a longo prazo no tamaño das súas poboacións. 

Ademais, tamén supón un instrumento fundamental que proporciona valiosa información para o seguimento ambiental das zonas húmidas debido, principalmente, á gran dependencia que estas aves teñen destes ecosistemas e ao seu valor como indicador biolóxico da calidade destas áreas.

Así, a través desde censo, a realizar no período 2023-2025, a Xunta recollerá datos nun mínimo de 75 localidades, tanto costeiras como de interior, cun orzamento de máis de 86.000 euros, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR).

A realización deste censo enmárcase nos traballos que a Xunta leva realizando desde 1987 no esquema rexional África-Eurasia do Censo Internacional de Aves Acuáticas, un dos máis antigos e amplos dentro dos programas de vida salvaxe que se efectúan no eido internacional.

Así, a información recompilada nos censos rexionais emprégase con distintos obxectivos de xestión e conservación de especies e lugares, e a distintas escalas xeográficas. Faise un seguimento do tamaño numérico das poboacións de aves acuáticas; descríbense os cambios no número e distribución destas poboacións; identifícanse as zonas húmidas de importancia internacional para estas aves, e proporciónase información para axudar á protección e xestión das poboacións destas especies a través de convencións internacionais, lexislación nacional e outros medios.

O reconto destas aves ten lugar en Galicia no mes de xaneiro, que é cando se rexistran menos movementos entre as distintas localidades. Nese momento, estas especies concéntranse en zonas húmidas mariños e costeiros, continentais e artificiais.

Cómpre lembrar que a maior parte destas zonas húmidas inclúense en espazos da Rede Natura 2000, formando parte de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) como as de Ribadeo; ría de Ortigueira e Ladrido; complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Costa da Morte (Norte); costa de Ferrolterra-Valdoviño; complexo litoral de Corrubedo; ría de Foz, e Esteiro do Miño.

A maiores, outros espazos da Rede Natura 2000 como as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) tamén acollen zonas húmidas de interese para as aves acuáticas: Costa Ártabra, Encoro de Abegondo-Cecebre, Betanzos-Mandeo, Carnota-Monte Pindo, Esteiro do Tambre, Monte e lagoa de Louro, Parga-Ladra-Támoga, A Ramallosa, Gándaras de Budiño e Enseada de San Simón.

 

Data de actualización: 23/10/2022