Máis de 800 persoas participan nos primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 84 prazas de Policía Local en 23 concellos galegos

O recinto feiral de Silleda acolleu as dúas primeiras probas da oposición, a de coñecementos e a de lingua galega

Os aspirantes que os superen someteranse ás probas físicas que están previstas para o mes de febreiro no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

As persoas que superen todas as probas do proceso, elixirán destino unha vez finalizado o proceso e realizarán o curso de capacitación obrigatorio na AGASP formando parte da súa 15ª promoción de Policía Local
 

Silleda (Pontevedra), 24 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  Case 850 persoas participaron esta mañá no recinto feiral de Silleda nas dúas primeiras probas do proceso selectivo para optar a 84 prazas da categoría de Policía Local en 23 concellos galegos. Por unha parte, a proba de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria. Ademais, as persoas non exentas da proba de coñecementos de lingua galega realizaron este segundo exercicio ao remate do primeiro.

Os aspirantes que que acaden as 300 mellores cualificacións na primeira proba, sempre que a superen, e obteñan a cualificación de apto ou estean exentos da realización da segunda proba someteranse ao terceiro exercicio -ás probas físicas- que se levarán a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Unha vez rematado o proceso, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) formará aos futuros axentes no curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar despois de poder elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos.

De feito, integrarán a 15ª promoción de Policía Local que comezará a formarse na Academia a partir de febreiro do próximo ano. Actualmente están rematando a súa formación antes de tomar posesión os 70 axentes da 14ª promoción da Academia que cubrirán as vacantes de 29 concellos publicadas na convocatoria anterior do proceso selectivo no marco da colaboración entre a Xunta e os municipios que delegan no Goberno galego a selección e formación dos seus efectivos de Policía Local. Desta 14ª promoción tamén forman parte outros 47 alumnos da promoción tamén formados na AGASP e que corresponden ás oposicións convocadas por outros catro municipios. 
 
Nesta ocasión no novo proceso os 84 aspirantes completarán as plantillas de 23 municipios: A Coruña, Brión, Carballo, Malpica de Bergantiños, Noia, Oroso, Outes, Pontedeume, Sada e Santiago de Compostela, na provincia coruñesa; Burela, e Ribadeo, na provincia de Lugo; e A Guarda, Caldas de Reis, Gondomar, Marín, Moaña, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo e Vigo, na provincia de Pontevedra.

Proceso de selección unitario

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,  a través dun convenio de colaboración cos concellos galegos que decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. A  día de hoxe 89 concellos delegaron na Xunta a selección do seu persoal, o que supón o 70% dos concellos galegos que dispoñen deste corpo de seguridade.

Ademais, en abril deste ano convocouse unha nova convocatoria de 155 prazas de auxiliares de Policía Local e o pasado xuño resolveuse o proceso coa adxudicación de postos.
 
A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2022