A Axenda da Minaría Sustentable de Galicia pretende consolidar o sector como un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria

Rueda destaca que, cun investimento público de preto de 32M€ ata 2024, contribuirá “a fortalecer a competitividade do sector”

Subliña que a minaría é un “sector estratéxico” en Galicia que “non pode quedar ao marxe da transición ecolóxica” que está a vivir todo o tecido industrial

A axenda é froito dun traballo consensuado co sector e dá resposta ás súas necesidades en materia de dixitalización, formación ou innovación

Haberá incentivos para as pemes en materia de modernización tecnolóxica 4.0, tamén no eido da sustentabilidade e da seguridade; impulsaranse novos ciclos formativos como o da pedra natural; e promoverase a dixitalización administrativa para favorecer a tramitación e accesibilidade

Galicia, que representa case o 10% da produción mineira estatal, é lider en materias como a lousa, o granito, o cuarzo e as rochas ornamentais
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe tras a reunión semanal do Consello que o Goberno galego vai pór en marcha a Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030, unha nova ferramenta a modo de folla de ruta que está consensuada co sector e busca “fortalecer a competitividade do sector de xeito sostible” e converter a minaría “nun aliado estratéxico doutras industrias fundamentais” na Comunidade. 

Rueda destacou que o sector da minaría “non pode quedar ao marxe da transición ecolóxica” que está a vivir todo o tecido industrial e, por iso, Galicia porá en marcha por primeira vez esta Axenda que “estará dotada de 32 M€ ata 2024”.  

Esta folla de ruta, segundo explicou o presidente, busca facer do sector mineiro un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de xeito sustentable coas materias primas autóctonas. De feito, a industria das materias primas minerais ten “un papel clave” como provedora de sectores estratéxicos de Galicia en que se pretende avanzar cara a un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada, como pode ser “a automoción, o téxtil, a electrónica ou a construción”, destacou. 

De xeito paralelo, fortalecerase a competitividade do sector a través dun proceso sustentable de innovación tecnolóxica e de crecemento empresarial que permitirá xerar riqueza e emprego. 

Tres obxectivos estratéxicos

Para alcanzar os seus obxectivos, a axenda marca tres obxectivos estratéxicos, nove eixes de actuación e un total de 29 medidas concretas que dan resposta ás necesidades do sector en materia de dixitalización, formación ou innovación. Así, os tres obxectivos son alcanzar a modernización e o crecemento do sector da minaría en Galicia de xeito sustentable; o fortalecemento do talento humano e da responsabilidade social; así como lograr a integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro. 

En canto aos eixes de actuación, preténdese, en primeiro lugar, avanzar na dixitalización da administración mineira para favorecer tanto a tramitación como a accesibilidade, así como impulsar plans de labores dixitais e o Portal galego de administración mineira. 

En segundo termo, tamén se vai promover a dixitalización das empresas e a innovación. Farase a través de incentivos económicos para pemes no eido da modernización tecnolóxica e da mellora da seguridade industrial a través de tecnoloxías 4.0; así como coa creación dunha oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos de investigación, innovación e modernización. 

O terceiro eixe céntrase na mellora da sustentabilidade sectorial a través de incentivos económicos, e tamén na procura de financiamento para promover a restauración mineira e a realización de actividades turísticas. Neste eixe tamén se inclúe a promoción do sector das augas minerais e termais e o fomento de sistemas de xestión mineira sustentable e economía verde. 

En cuarto lugar, apostarase pola valorización dos recursos ecolóxicos fomentando o estudo, exploración e investigación técnica dos recursos naturais, xeolóxicos e mineiros, así como a investigación de materias críticas existentes en Galicia e o seu potencial. 

A valorización económica será o quinto eixe e prevé actuacións como a creación dun grupo de traballo permanente cos sectores estratéxicos ou a creación dun portfolio cos recursos naturais dispoñibles en Galicia. 

As medidas para mellorar a seguridade e saúde laboral ocuparán un lugar destacado con incentivos para impulsar proxectos tecnolóxicos que axuden a reducir accidentes e para outros aspectos relacionados coa prevención de riscos laborais. 

Incorporación das mulleres e a mocidade

O capital humano protagoniza o sétimo eixe que se centra tanto na mellora formativa con novidades como a implantación de novos ciclos medios técnicos en escavacións e sondaxes e pedra natural; a igualdade a través dun plan para a formación e o acceso de mulleres ao sector das industrias extractivas; así como a incorporación da mocidade. 

Os dous últimos eixes están enfocados na comunicación e difusión a través de foros; e na gobernanza, coa creación dun comité executivo de desenvolvemento mineiro, entre outros aspectos. 

Con esta axenda, tal e como resaltou Rueda, a Xunta busca apoiar “un sector estratéxico como o mineiro” cunha produción anual por riba dos 246M€ - “case o 10% da produción mineira estatal”, resaltou- e do que “Galicia é líder nacional en materiais como a lousa, o granito, o cuarzo e as rochas ornamentais”. Ademais, as distintas medidas tamén pretenden reforzar o seu valor social, xa que se trata dun sector en que as pemes e as familias teñen un gran protagonismo e un efecto multiplicador na economía e o emprego do rural contribuíndo a fixar poboación.

 


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2022