A Xunta pon en marcha o primeiro programa de acollemento familiar especializado

O Goberno galego destinará 1,1 millóns de euros para esta nova iniciativa, que require entre as familias dunha cualificación profesional específica
 

Remuneraráselles con 1500 euros ao mes pola súa dedicación exclusiva

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022 A Xunta pon en marcha un novo programa piloto de acollemento familiar especializado para seleccionar fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispoña dunha cualificación profesional específica para realizar este labor ou ben conte con experiencia ou formación no ámbito.

 

A iniciativa, ao que se destinan 1,1 millóns de euros, facilita un concerto social (un dos primeiros que desenvolve a Administración galega, logo da súa inclusión nun decreto autonómico de 2020) cunha entidade do eido, que será a encargada de seleccionar ás familias, xestionar os acollementos e realizar un plan de intervención e seguimento.

 

Así mesmo, pola dedicación exclusiva que implica o programa, remunerarase ás familias acolledoras especializadas cun importe de 1500 euros ao mes. Adicionalmente, recibirán unha compensación polos gastos de manutención do neno ou adolescente, ao igual que o resto de familias acolledoras de Galicia.

 

Acollemento especializado

O acollemento especializado trátase dun sistema de protección infantil que se está empezando a desenvolver en España, e polo momento só hai algúns proxectos en comunidades como País Vasco, Navarra, Valencia ou Canarias. Polo tanto, Galicia únese ao grupo de comunidades que apostan por esta novidosa fórmula de acollemento.

 

A experiencia no ámbito revela a necesidade de establecer esta nova modalidade de acollemento mantendo as vantaxes que supón para os nenos e adolescentes vivir nun entorno familiar. O feito de que algún dos membros da unidade familiar conte con formación ou coñecemento específico permite que os menores con especiais necesidades ou problemas de conducta teñan as máximas garantías.

 
Cómpre salientar que a aposta do Goberno galego por este sistema de protección da infancia ratifícase nos Orzamentos de 2023, xa que inclúen a aprobación do primeiro Plan de Impulso ao Acollemento Familiar de Galicia, que levará a incrementar as axudas que reciben estas familias nun 20%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/11/2022