O presidente galego interveu no Día da economía social galega celebrado na Cidade da Cultura

Galicia reforza a aposta pola economía social cun 21% máis de fondos incluídos nos orzamentos do vindeiro ano

Rueda salienta que a economía social supón o 7% do PIB da Comunidade galega, cun impacto anual no tecido produtivo galego de 850 millóns de euros
 

Defende a importancia da riqueza que xeran no eido da igualdade, da inclusión e da solidariedade as 7.000 entidades, cooperativas e centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que existen en Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe que os Orzamentos de Galicia do vindeiro ano recollen unha “aposta redobrada” pola economía social, xa que salientou que a Comunidade galega “incrementa nun 21% os fondos destinados a este ecosistema cunha partida de 42 millóns de euros”.

Así o anunciou na súa intervención no acto conmemorativo do Día da economía social galega, celebrado hoxe en na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, onde salientou o feito de que nos Orzamentos de 2023 “3 de cada 4 euros se destinarán a reforzar a sanidade, a educación, as prestacións sociais e a inserción laboral".
 

Deste xeito, garantiu que, “neste contexto de alza da inflación e nun ano que non será fácil”, Galicia disporá no vindeiro ano cunhas contas orientadas a “protexer a fogares e a empresas”. Para conseguilo, apuntou ao aumento nun 6,5% dos fondos para potenciar iniciativas como a Rede Eusumo de cooperativismo, o programa Es-Próxima e o selo de economía Social de Galicia. Tamén se referiu aos 10 millóns de euros dirixidos a contratar desempregados a través do programa Aprol Economía; a aceleradora de proxectos Es-Factory; ou o Bono Economía Social para propiciar a dixitalización e eficiencia enerxética. Nesta liña, engadiu os máis de 29 millóns de euros, “un 30 por cento por riba do ano paso”, que a Xunta de Galicia reservou a promoción de postos de traballo inclusivo.

“En definitiva, trátase dun paquete de iniciativas orientadas a fortalecer un tecido máis forte, nun momento en que a inflación volve a tensar as costuras sociais”, argumentou o presidente da Xunta, quen defendeu as políticas “previsoras” do Goberno galego ante a incerteza de “cando se despexarán a crise de prezos, a guerra ou alza da enerxía”.
 

Ademais de todos estes investimentos recollidos nos Orzamentos de 2023, Rueda tamén adiantou que a Xunta de Galicia está a preparar o ecosistema social para os retos do futuro a través da Estratexia da Economía Social 2022-2026, na que anunciou que xa se está a traballar para potenciar a creación de empresas e cooperativas.

 

Reivindicar o papel da esfera privada

O mandatario galego advertiu que a vertente social da económica non é exclusiva da esfera pública e reivindicou o papel da esfera privada.  Así, enxalzou a importancia da riqueza que xeran no eido da igualdade, da inclusión e da solidariedade as 7.000 entidades, cooperativa e centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que existen en Galicia, ás que cualificou de “mans amigas”.

Para titular do Executivo galego, sen esta implicación desde o eido da esfera privada, sería imposible entender que a economía social supoña o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade galega, “cun impacto anual no noso tecido produtivo de 850 millóns de euros, e medrando”, remarcou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/11/2022