A Xunta recolle en Madrid o premio Asalma co que se recoñecen as políticas autonómicas e as boas prácticas de impulso á economía social en Galicia

 

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á entrega da 15ª edición destes galardóns que entrega a Agrupación de Sociedades Laborais de Madrid (Asalma), organización de referencia neste eido
 

Lorenzana destaca que este premio, unido a que Santiago de Compostela é este ano a capital española da economía social, sitúan a Galicia como escaparate das oportunidades que ofrece este modelo económico
 

Sinala que esta fórmula empresarial é “unha forza clave” no mercado laboral galego
 

O orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementa o investimento para a economía social nun 20,87% ata chegar aos 42M€
 

Madrid, 4 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recolleu hoxe o premio Asalma á Xunta, que outorga a Agrupación de Sociedades Laborais de Madrid, unha organización de referencia na comunidade madrileña para a creación e apoio a emprendedores da economía social mediante a fórmula de sociedade laboral. Co galardón, que recibiu a Administración galega na categoría institucional, recoñécese o labor e as boas prácticas das políticas autonómicas de impulso a este modelo de negocio.

Lorenzana, tras agradecer o premio, sinalou que o galardón chega nun ano no que Santiago de Compostela é capital española da economía social, o que, segundo apuntou, sitúa a Galicia “como escaparate das posibilidades e das oportunidades que ofrece este modelo económico”.

Sinalou que para Galicia a economía social é “unha forza clave” do mercado laboral e asegurou que o Goberno galego está convencido de que priorizar os beneficios sociais e os intereses colectivos é “a mellor fórmula para atallar as desigualdades e contribuír a unha redistribución equilibrada dos recursos”.

Lorenzana avogou por unha economía social que sexa tamén motor dunha transición verde dixital integradora, e salientou que a Xunta seguirá reforzando as políticas autonómicas neste ámbito. De feito, os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementan nun 20,87% o investimento para seguir impulsando a economía social, ata chegar aos 42 millóns de euros. A conselleira apuntou que nesta lexislatura, en só tres anos (desde o 2020) o crecemento foi do 55,5%.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade indicou que Galicia ten que seguir sendo un referente da economía social no territorio e por iso afirmou que a Xunta seguirá apostando por novos programas de axudas que posibiliten continuar crecendo e consolidando emprego; e continuará co respaldo institucional a esta fórmula de negocio, “situándoa como piar dos dereitos sociais e estimulando a súa innovación e transformación tecnolóxica para que se adapte ao mercado laboral de futuro”.

Lembrou tamén que a Xunta está a traballar nunha nova Estratexia de Economía Social, unha nova folla de ruta que suporá, en palabras da conselleira, “un gran impulso para o crecemento das empresas e entidades que nacen baixo esta fórmula”. Explicou que terá o foco posto na transversalidade e buscará fomentar a intercooperación para que sexan máis iniciativas e cada vez máis fortes co fin de reforzar a sá competitividade.

Para rematar, referiuse ao Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), a organización máis representativa en Galicia neste ámbito á que agradeceu o seu traballo e colaboración para que “Galicia sexa hoxe un referente en economía social”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/11/2022