A Xunta leva un ano máis á economía social galega ao salón ‘Xantar’ de Ourense para dar a coñecer os seus beneficios e produtos

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará cun stand en Expourense entre o 9 e o 13 de novembro no que porá en valor o compromiso social destas empresas e a súa capacidade de xerar oportunidades de inclusión laboral

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 7 de novembro de 2022 A economía social de Galicia estará representada un ano máis na feira internacional de turismo gastronómico Xantar, que se celebra en Expourense do 9 ao 13 de novembro, nun stand no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará a coñecer produtos de diferentes firmas e informará acerca do emprendemento a través desta fórmula.

 

A iniciativa persegue dar a coñecer e promover a comercialización dos bens e servizos das empresas galegas de economía social. No expositor estarán presentes seis empresas -Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado), Barbudos, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Tres Fuciños, A Factoría do Lume e Postoiro- que permitirán degustar produtos da horta, licores, xeados, carnes, salsas e viños.

 

As persoas interesadas poderán achegarse ao mostrador da economía social e obter información sobre a posibilidade de fomentar a integración laboral a través destas empresas comprometidas socialmente e sobre como crear oportunidades nas empresas de inclusión. Neste punto tamén se divulgarán as características das diferentes fórmulas como o cooperativismo e os requisitos e axudas para a súa constitución e desenvolvemento, entre outros aspectos.

 

Xantar ofrecerá cinco días de actividade con experiencias diversas. Prevese unha gran afluencia de público a Expourense que a Xunta quere aproveitar para divulgar os beneficios da economía social, como fórmula resiliente que supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade. A feira poderá visitarse entre o 9 e o 12 de novembro de 11,30 h. a 1,00 h e o domingo 13 ata as 18,00 h.

Data de actualización: 07/11/2022