A Xunta estima producir nos seus viveiros forestais ata 17.300 plantas anuais sobre todo de frondosas e coníferas

O Goberno galego aposta por potenciar, no marco do Plan Forestal de Galicia, a actividade nos viveiros, como fórmula para conservar os recursos xenéticos e para dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade


A Xunta inviste no período 2019-2023 arredor de medio millón de euros nestas tarefas e prevé destinar uns 200.000 euros anuais ata 2027 neste mesmo eido da mellora forestal, chegando a un total de un millón de euros ao final do período
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural prevé producir nos seus viveiros forestais ata 17.300 plantas anuais, unha estimación especialmente orientada cara as frondosas autóctonas (caso do carballo ou o castiñeiro) e as coníferas de alta calidade xenética (especialmente o piñeiro). Desta forma, a Consellería aposta por potenciar, no marco do Plan Forestal de Galicia, a actividade nos viveiros, como fórmula para conservar os recursos xenéticos e para dispoñer de planta en cantidade, de calidade e con boa sanidade.

 

Así, esta planta terá diferentes destinos, entre eles a execución de traballos e ensaios de conservación e manexo dos recursos xenéticos forestais, as repoboacións de devasas (faixas cortalumes) e de montes de xestión pública ou o seu uso en actos institucionais ou para doazóns con fins educativos e ambientais (por exemplo, para conmemorar datas como o día da árbore ou semellantes).

 

Neste contexto, a Consellería está a investir -entre o ano 2019 e o vindeiro 2023- arredor de medio millón de euros en diferentes actuacións relacionadas cos seus viveiros da Falmega (Oroso), Santa Cruz (Oleiros) e Sambreixo (Guitiriz). De cara ao futuro, prevese investir uns 200.000 euros anuais nesta materia, no seguinte período de execución do Plan Estratéxico-PAC (2023-2027), chegando a un investimento total de un millón de euros ao final do período.

 

Ademais, tamén se potenciarán os viveiros de Os Trollos, localizado no concello lugués de Bóveda, e da Chaira, situado no municipio ourensán de Pereiro de Aguiar. Estas instalacións non son propiedade da Xunta, pero existe un acordo cos seus titulares para o seu aproveitamento.

 

A planta producida ten diversidade de destinos dentro do territorio galego. Por iso, o estado de saúde do material vexetal distribuído deberá estar libre de pragas ou doenzas para evitar a súa expansión. Neste sentido, identificar e previr as posibles afeccións forma parte das rutinas instauradas nos viveiros.

 

O impulso aos viveiros forestais repercute na mellora do sector en particular e, por extensión, do monte galego en xeral. Tendo en conta que arredor do 98% do territorio forestal galego está en mans privadas, as repercusións sobre a cidadanía son directas e moi positivas.

 

Ademais, o principal obxectivo destas actuacións pasa por afianzar as actividades a desenvolver nas instalacións dos viveiros, adaptándoas ás necesidades actuais, ademais de enmarcar estas nos obxectivos e medidas establecidas na Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia “cara á neutralidade carbónica”.

 

Así, o Eixo I do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 refírese á contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais. Neste sentido, contempla crear o informe de rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que, a través desta conservación ex situ dos recursos xenéticos, permitirá asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025. Entre finais do ano 2021 e principios do 2022 quedaron instaladas nos viveiros xestionados pola Comunidade novas parcelas que se encadran no Plan de conservación e mellora xenética forestal. Estes hortos de semente e coleccións afondan na coordinación entre os viveiros forestais xestionados e o Centro de Sementes da Comunidade Autónoma.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 13/11/2022