A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse cunha delegación de autoridades e empresas da rexión canadiana durante a COP27 en Exipto

A Xunta convida a Quebec a visitar Galicia e explorar as oportunidades que ofrece como sumidoiro de carbono para avanzar cara á neutralidade climática

Compartir
  • whatsapp

Sharm El-Sheikh (Exipto), 12 de novembro de 2022.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, convidou á rexión canadiana de Quebec a visitar Galicia para coñecer as oportunidades que ofrece a Comunidade como sumidoiro para a absorción de carbono e explorar posibles vías de colaboración entre ambas rexións, tanto neste eido como noutros relacionados coa loita contra o cambio climático.

 

Así llo trasladou a unha delegación conformada por autoridades públicas e empresarios de Quebec cos que se reuniu no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP27) que se celebra estes días en Exipto.

 

Neste sentido, explicoulles que en outubro a Xunta lanzou unha consulta preliminar ao mercado no marco do proxecto SICLE-CO2, unha iniciativa innovadora que ten como fin buscar, a través da colaboración público-privada, posibles solucións que permitan compensar localmente as emisións de CO2 aproveitando a capacidade de absorción natural da Comunidade.

 

Tras salientar que o 42% do territorio galego está amparado por algunha figura de protección, a conselleira explicou á delegación canadiana que a “Galicia verde” é un dos sinais de identidade da Comunidade e, de feito, os seus bosques supoñen un importante activo para alcanzar a neutralidade climática antes de 2050 grazas á súa capacidade natural de absorción de CO2.

 

Por iso, a Consellería decidiu lanzar a súa primeira compra pública innovadora para captar solucións novidosas para a compensación local e voluntaria de emisións contaminantes de entre todas as propostas que presenten asociacións, empresas ou mesmo particulares no marco do proxecto SICLE.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulles que a Xunta quere facilitar así o intercambio leal entre os propietarios dos sumidoiros de carbono e os axentes económicos interesados en adquirir eses dereitos, e garantiulles que traballa cos estándares internacionais para garantir seguridade xurídica neste tipo de transaccións a todas aquelas entidades e empresas que queiran comprar dereitos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2022