A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o representante comunitario, Christian Berger, reuníronse no marco da COP27

A Xunta comparte co embaixador da UE en Exipto a súa experiencia en materia de residuos e enerxías renovables e estudarán posibles sinerxías

Compartir
  • whatsapp

Sharm El-Sheikh (Exipto), 12 de novembro de 2022 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co embaixador permanente da Unión Europea en Exipto, Christian Berger, no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP27) que acolle desde o pasado domingo o país africano.

 

Durante a xuntanza, a responsable autonómica compartiu co representante da UE a experiencia acreditada da Xunta no eido da xestión dos residuos —subliñando o papel de referencia que ocupa Sogama a nivel comunitario— e das enerxías renovables, dous aspectos nos que acordaron buscar posibles sinerxías en beneficio de ambos territorios.

 

Máis concretamente, Ángeles Vázquez expuxo a “folla de ruta” galega en materia de clima, marcada pola Estratexia de Cambio Climático e Enerxía aprobada polo Goberno autonómico hai tres anos e que se viu complementada en 2021 coa nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia pola súa contribución tamén ao cumprimento do obxectivo europeo de acadar a neutralidade climática antes de 2050.

 

Neste sentido, indicou que o obxectivo da Xunta é completar este marco normativo coa aprobación o ano que vén da primeira Lei do clima galega, un documento co que aspira a converter a variable climática nun valor prioritario na Comunidade e que se teña en conta de forma transversal en todas as políticas autonómicas.

 
Así mesmo, a conselleira tendeulle á man ao embaixador da UE a estudar posibles proxectos ou vías de colaboración en materia de cambio climático e de renovables, un campo no que, dixo, Galicia ten moito que ofrecer xa que é a segunda comunidade española en canto á implantación deste tipo de enerxías limpas, unha experiencia e coñecemento que puxo á disposición dun país con moitos intereses tamén neste eido.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2022