A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse no marco da COP27 coa directora de Asuntos Internacionais e Financiación Climática da CE

A Comisión Europea anima a Galicia a identificar outras rexións locomotoras no eido do cambio climático para intercambiar experiencias e iniciativas

Ángeles Vázquez e Diana Acconcia coinciden na importancia do traballo a nivel rexional para avanzar de forma eficaz na adaptación a este fenómeno global


Analizan tamén as posibilidades de reducir as emisións contaminantes no sector residencial, sobre todo nos edificios localizados en conxuntos históricos que pola súa antigüidade ofrecen moita marxe de mellora no eido da eficiencia enerxética
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora de Asuntos Internacionais e Financiación Climática da Comisión Europea (CE), Diana Acconcia, mantiveron unha reunión de traballo esta fin de semana no marco da COP27 para abordar o traballo que está a realizar a Xunta en materia de cambio climático e políticas enerxéticas.

 

Durante o encontro e tras coñecer as iniciativas que ten en marcha para garantir a adaptación de Galicia aos efectos do quecemento global, a responsable comunitaria felicitou á Xunta polo esforzo realizado ata o de agora para situar este problema global no centro das súas políticas e animouna a identificar outras “rexións locomotora” neste eido co fin de intercambiar con elas experiencias e iniciativas de interese común.

 

Cómpre lembrar que a Comunidade acaba de ser escollida pola CE para formar parte da Misión de Adaptación, unha iniciativa impulsada co obxectivo de apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos ligados a este fenómeno.

 

Ao respecto, Vázquez e Acconcia coincidiron na importancia de seguir potenciando o traballo a nivel rexional para avanzar de forma eficaz na adaptación ao cambio climático e aos seus efectos partindo da máxima “pensa global, actúa local”, un camiño no que a responsable comunitaria incidiu en que os territorios máis avanzados e convencidos deben “dar exemplo”.

 

En todo caso, tamén subliñaron a importancia de combinar as medidas de adaptación con outras que incidan e repercutan positivamente na redución das emisións contaminantes para avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática.

 

En concreto, a conselleira e mais a responsable comunitaria analizaron as posibilidades que ofrece neste sentido o sector residencial e, en particular, os edificios localizados en conxuntos históricos que, pola súa antigüidade, ofrecen moita marxe de mellora no eido da eficiencia enerxética.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle que, segundo as estimacións da Xunta, os fondos europeos que xestionará nos vindeiros anos no eido da rehabilitación residencial permitirán reducir entre 40.000 e 65.000 toneladas anuais as emisións de CO2 grazas ás intervencións de mellora enerxética que se prevé subvencionar nun total de 11.500 vivendas galegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2022