A Xunta de Galicia comeza hoxe unha campaña de escoita ao persoal do Sergas mediante enquisas para crear un “contorno de traballo saudable” e mellorar a organización

A Consellería de Sanidade pon en marcha unha ambiciosa campaña para a realización de enquisas a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas como 061, Galaria, ADOS, ACIS, entre outras

As enquisas van dirixidas a máis de 44.000 profesionais que traballan no servizo público de saúde e van acompañadas de diversos medios gráficos para impulsar a participación.

A finalidade e escoitar ao persoal e, cos resultados, axudar a configurar unha organización máis saudable para o seu benestar

A realización do cuestionario valorarase como mérito na carreira profesional por colaborar nos proxectos de mellora da organización

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A partires do día de hoxe, e ata o 31 de decembro deste ano, o persoal do Servizo Galego de Saúde que traballa nas institucións sanitarias e entidades adscritas poderá expresar como se sente a través do cuestionario “Contorno de traballo saudable”, dispoñible no portal da intranet ConVIVE no enlace https://convive.sergas.gal/BENESTAR .

 

Co resultado das enquisas individuais, e coa participación das organizacións sindicais, deseñaranse os plans e as novas medidas que permitan cambios organizativos, creando espazos de traballo máis saudables e humanizados.

 

O obxectivo desta campaña é obter unha perspectiva realista e actualizada da situación no contorno laboral, trala pandemia covid-19. Este plan de acción está integrado dentro do proceso para a avaliación de riscos psicosociais de todo o persoal e enmárcase no Plan de atención e apoio ao persoal da sanidade e do Proxecto ConVIVE para a mellora da convivencia e atención do persoal que integra o Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas.         

 

Todas as opinións son anónimas, garantindo a confidencialidade durante todo o proceso. Os datos persoais solicitados (usuario e contrasinal) evitarán duplicidades de respostas. En ningún caso, as respostas emitidas serán asociadas coa identidade da persoa.

 

Ademais, o persoal obterá unha compensación directa por participar, xa que cubrir o cuestionario “Contorno de traballo saudable” valorarase como mérito nos baremos da dentro da Área IV do baremo: implicación e compromiso coa organización.

 

O desexo de participación é unha das demandas do persoal nas distintas enquisas realizadas nos distintos proxectos previos como o proxecto CONVIVE, DESCÚBRETE e Plan de igualdade. Con ese obxectivo e coa finalidade de seguir mellorando a organización, a administración sanitaria vai a escoitar a todos e todas as profesionais da organización que desexen participar. O proxecto vai acompañado de unha campaña de comunicación e difusión para promover a máxima participación posible, por eso esta iniciativa conta con distintos materiais gráficos e informativos deseñados especificamente en distintos soportes (cartelaría, imaxes, folletos, SMS, etc.) e dirixida polo Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. Unha alta participación do persoal redundará nunha maior representatividades, e permitirá acadar unha mellor visión de conxunto para o deseño con máis acerto das novas medidas na organización.

 

Á información recollida a través da participación dos profesionais respondendo ao cuestionario “Contorno de traballo saudable” sumarase a outros datos e información relativa aos equipos de traballo na organización.

O cuestionario “Contorno de Traballo Saudable” consta de 40 ítems agrupados nos oito eixes de avaliación seguintes:

 

 

 

Cada ítem valorase mediante unha escala Likert de puntuación (Nunca – Sempre). O idioma no que se presenta o cuestionario é o castelán, xa que asi foi validada a metodoloxía utilizada.

No segundo trimestre de 2023 e tras unha análise preliminar desta información, crearanse diferentes grupos focais integrados por profesionais seleccionados/as ao azar, co obxectivo de clarificar e interpretar os resultados obtidos para colaborar na proposta das medidas organizacionais que nos permitan seguir avanzando no noso obxectivo de gañar en benestar e saúde laboral, polo que os resultados se terán no ano 2023.                                                                                                                     

Data de actualización: 15/11/2022