A Xunta titorizou cerca de 100 proxectos e contribuíu á creación de 17 novas entidades de economía social no que vai de 2022 grazas ao traballo da Rede Eusumo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Rede Eusumo, acompañou este ano cerca de 200 persoas, o 60% mulleres, na maduración de ideas e modelos de negocio da economía social
 

Máis de mil persoas participaron en actividades formativas para mellorar as súas capacidades técnicas en comunicación, contabilidade, internacionalización e ferramentas dixitais, entre outras, para impulsar a súa competitividade
 

En 2023 incrementarase un 21% o investimento da Xunta para seguir a impulsar a economía social, ata os 42 M€

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 A Rede Eusumo, que traballa no impulso da economía social, permitiu alumar, no que vai de 2022,  un total de 17 entidades novas, e titorizou 93 proxectos enmarcados nesta fórmula solidaria de negocio, comprometida coa súa contorna.

 

Case 200 persoas recibiron este ano asesoramento e acompañamento para emprender a súa actividade no marco da economía social. Cerca do 60% foron mulleres, aspecto que consolida a tendencia nos últimos anos a favor dunha feminización das iniciativas da economía social a través das súas diferentes fórmulas (cooperativas, empresas de inserción, centros especiais de emprego, sociedades laborais...).

 

No eido da formación, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Rede Eusumo, formou máis de 1.100 persoas que traballan nas entidades do sector para mellorar a súa competitividade. Impartíronse no que vai de ano 67 cursos en modalidade presencial e en liña sobre  contabilidade, internacionalización, marketing dixital, comunicación, ferramentas dixitais innovadoras, etc. Máis do 70% do alumnado foron mulleres.

 

A Rede Eusumo naceu hai dez anos con tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local; e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base na economía social.

 

Na actualidade a rede está integrada por 87 entidades socias entre as que se atopan: asociacións de entidades de economía social; administracións públicas (concellos, mancomunidades, deputacións); cámaras de comercio, e organizacións profesionais, empresariais e sindicais; asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro; cooperativas galegas; asociacións de desenvolvemento rural e grupos de acción local; e universidades.

 

A través deste instrumento trabállase na divulgación dos valores da economía social entre a poboación e para o emprendemento. Ata outubro celebráronse un total de 47 actividades nas que tomaron parte máis de 850 participantes.

 

Para chegar á poboación en xeral, a rede xera recursos e contidos didácticos, informativos e audiovisuais e ten unha ampla presenza nas redes sociais, nas que conta cunha comunidade de máis de 15.500 persoas seguidoras.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade fomenta a economía social a través de diversos apoios económicos, dirixidos fundamentalmente á posta en marcha, funcionamento e creación de emprego en cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción, así como á realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social levadas a cabo por entidades colaboradoras da Rede Eusumo.

 

A Rede Eusumo contou en 2022 con apoios por valor de case 700.0000 euros, que elevan ata os case 3 millóns de euros o investimento destinado desde 2018 ás actividades de promoción desta fórmula de emprendemento que propugna a rede.

 

O Goberno galego seguirá reforzando as políticas autonómicas neste ámbito e os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementan nun 20,87% o investimento para seguir impulsando a economía social, ata chegar aos 42 millóns de euros. No que vai de lexislatura (desde 2020) o crecemento foi do 55,5%.

Data de actualización: 15/11/2022