A Xunta publica as guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para cinco aldeas modelo nos concellos de Sober, Taboadela, Cualedro, a Gudiña e Cerdedo-Cotobade

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios dos concellos pertinentes ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Poderán realizar as achegas que consideren oportunas no prazo dun mes a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o acordo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de cinco aldeas modelo: Francos de Proendos (Sober), Covelo (Taboadela), Carzoá (Cualedro), O Seixo (A Gudiña) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade).

 

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

 

Así, no caso da aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación porcina en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e o viñedo. Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 12,87 hectáreas, distribuídas en 119 parcelas de 70 propietarios.

 

Na aldea de Covelo, en Taboadela, establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible co aproveitamento das masas de frondosas caducifolias, así como cultivos agrícolas complementarios para o gando. Como actividades secundaria, establécense cultivos leñosos: froiteiras ou castiñeiro para froito. Neste caso, a aldea modelo conta cun perímetro de 15,05 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 109 propietarios.

 

No caso da aldea de Carzoá, en Cualedro, perfílase como actividade principal os cultivos de horta e de ciclo curto e explotación gandeira. Como actividades secundarias, os cultivos complementarios ao aproveitamento gandeiro e tamén cultivos leñosos como froiteiras, fundamentalmente castiñeiro para froito. Tamén se establece un ámbito de protección integral no ámbito da contorna do xacemento catalogado de A Citá, deste xeito facendo compatible o aproveitamento agrario sustentable e a protección do patrimonio cultural. Neste caso, a figura da aldea modelo abarca un perímetro de 53,68 hectáreas, distribuídas en 389 parcelas de 215 propietarios.

 

Pola súa banda, na aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na zonificación establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, castiñeiro para froito empregando variedades micorrizadas para a obtención de cogomelos. Neste caso, a aldea modelo abrangue 30,6 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 76 propietarios.

 

Por último, na aldea de Mouteira-Parada, en Cerdedo-Cotobade, apóstase, como actividades principais, por un sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con agricultura, así como por cultivos de ciclo curto. As actividades secundarias serían a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 17,99 hectáreas, distribuídas en 427 parcelas de 109 propietarios.

 

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelo deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/guias-de-ordenacion-produtiva/

 
 
Enlace ao acordo no DOG:
Data de actualización: 16/11/2022