A Xunta presenta na edición inaugural de Sedexpo as tecnoloxías do futuro dos sistemas non tripulados

O Polo Aeroespacial de Galicia terá unha importante presenza nesta primeira Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, que se celebra desde mañá e ata o sábado en Silleda

No programa de conferencias inclúese unha mesa redonda sobre o sector; e tamén terá lugar unha presentación das empresas da 4ª edición da Business Factory Aero

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Polo Aeroespacial de Galicia terá unha importante presenza na primeira edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, Sedexpo, que terá lugar desde mañá xoves, 17 de novembro, e ata o sábado 19 de novembro na Feira Internacional de Galicia en Silleda e onde a Xunta amosará as capacidades e o compromiso de Galicia para o desenvolvemento das tecnoloxías do futuro dos sistemas non tripulados.

 

A Civil UAVs Initiative, colaboradora de Sedexpo, contará cun espazo expositivo propio no pavillón 1, no que tamén estarán presentes a Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia; e empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Airbus, Aerocámaras, Aeromedia, Centum Research & Technology, Beagle Labs, Enercraft ou ITG DroneSolutions.

 

Ademais, no marco do programa de conferencias celebrarase unha mesa redonda na que os protagonistas serán os axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia. Participarán neste encontro, no que se amosará unha visión integrada sobre a iniciativa, representantes dos tres novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Babcock e Telespazio; das pemes galegas Aeromedia e Cartogalicia; do centro tecnolóxico Gradiant; e de Augas de Galicia, entidade usuaria dunha das solucións desenvolvidas no período 2015-2020 da iniciativa, que xa se está a utilizar nos servizos da Xunta.

 

Programa de conferencias

A mesa redonda celebrarase mañá, día da xornada inaugural de Sedexpo, de 13:30 a 14:30 horas. En horario de tarde, tamén terá lugar no programa da sala de conferencias unha presentación dos proxectos da actual convocatoria da Business Factory Aero. Será de 16:00 a 17:30 horas.

 

Ademais Sedexpo acollerá un completo programa de exhibicións e demostracións, no que tamén haberá presenza dos axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia. Aeromedia realizará demostracións de usos reais de drons multirrotor para emerxencias con aplicacións en praias, incendios ou vixilancia; e Aerocámaras desenvolverá unha xornada técnica sobre os drons en situacións de emerxencia e rescate.

 

A folla de ruta do Polo Aeroespacial

O impulso da industria dos sistemas non tripulados en Galicia vincúlase á mellora da eficiencia dos servizos públicos. Os drons e tecnoloxías asociadas como a intelixencia artificial ou o 5G son vectores para mellorar a calidade, o custo e a seguridade de numerosas actividades da Xunta de Galicia, en ámbitos nos que tamén se atopa o das emerxencias.

 

Na nova folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026 está en marcha unha licitación, na que presentaron propostas 28 empresas e centros de coñecemento, para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras para a mellora dos servizos públicos de emerxencias e de xestión dos recursos mariños da Xunta de Galicia.

 

Ademais, no marco dos programas de I+D que Airbus, Babcock e Telespazio, novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, van desenvolver ata 2026, atópanse proxectos como unha pioneira plataforma non tripulada multimisión, que permitirá realizar distintas operacións cun mesmo dron combinando diferentes tecnoloxías a bordo; así como tecnoloxías que, baseadas en vehículos non tripulados, dean resposta a retos da Xunta e doutras Administracións relacionadas coa xestión, vixilancia e monitorización da biodiversidade, tales como a prevención e loita contra a contaminación mariña e en humidais, a prevención e loita contra incendios ou a vixilancia do medio natural costeiro, entre outras.