A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu nun evento informativo xunto aos seus homólogos de Cantabria e Castela e León e responsables comunitarios

Galicia defende ante a Unión Europea o seu modelo de xestión do lobo como garantía do equilibrio entre a especie e a gandaría sostible

Ángeles Vázquez subliña a “eficacia” demostrada polo plan de xestión galego do lobo desde a súa aprobación no ano 2008, ao lograr mantelo nun estado de conservación favorable e compatibilizar a súa presencia no territorio co sector agrogandeiro

Traslada o seu rexeitamento á Estratexia aprobada en xullo por atentar contra os intereses do rural galego e non achega seguridade xurídica para xestionar o lobo

Adianta que a Xunta esgotará todas as vías ao seu alcance para seguir apostando pola protección da biodiversidade co lobo como peza fundamental e avanza que en 2023 triplicará o esforzo orzamentario para as medidas de prevención do gando

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia defendeu hoxe ante representantes do Parlamento Europeo o modelo de xestión do lobo aplicado na Comunidade desde hai máis dunha década pola efectividade demostrada desde a súa aprobación e como unha ferramenta imprescindible para garantir “o equilibrio perfecto” entre a protección da especie e a protección dos gandeiros e a xente do medio rural.

 

No marco do encontro informativo A xestión activa do lobo como modo de convivencia coa gandaría extensiva, dirixido a eurodeputados e outros representantes europeos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, interveu para explicar a situación da especie na Comunidade e o impacto que se prevé sobre a mesma a raíz das últimas decisións adoptadas polo Goberno central, de forma unilateral e mesmo contraria á opinión das principais comunidades lobeiras do país.

 

Tras lembrar que Galicia alberga unhas 90 mandas reprodutoras desta especie —máis que Francia ou Portugal—, a conselleira explicou que grazas ás medidas adoptadas no marco do Plan de xestión do lobo desde a súa aprobación en 2008, o seu estado de conservación na Comunidade é actualmente favorable.

 

Así mesmo, a “eficacia” deste instrumento, segundo expuxo a conselleira, quedou demostrada con creces polo feito de que neste período logrou compatibilizar e manter a harmonía entre as actividades gandeiras sostibles e a protección da biodiversidade e, máis concretamente, do lobo ibérico, un logro notable tendo en conta que a súa área de distribución abrangue o 72% do territorio galego.

 

Neste sentido, incidiu en que no caso de Galicia o lobo vive “nun medio totalmente humanizado” e se reparte en pequenas poboacións distribuídas por toda a Comunidade. Unha realidade que, segundo Ángeles Vázquez, non está a ter en conta o Goberno central nas súas últimas decisións sobre a xestión da especie no conxunto do país.

Así, referiuse á inclusión das poboacións de lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) co fin de elevar o nivel de protección dun animal que presenta xa un estado de conservación favorable ao norte do río Douro.

 

Na mesma liña, a conselleira trasladou o rexeitamento do Goberno galego á Estratexia nacional do lobo, aprobada o pasado mes de xullo, a pesar do voto en contra das tres comunidades que concentran o 93% dos exemplares de todo o país —Galicia, Castela e León e Cantabria—, e co apoio doutras nas que a presencia desta especie é “testemuñal”.

 

Ausencia dun censo nacional actualizado

Ángeles Vázquez xustificou a oposición da Xunta a este documento tanto polas formas como polo fondo, subliñando que por un lado non se fixo partindo dun censo nacional da especie que actualice e sirva para cotexar os últimos datos dispoñibles, e por outro, tampouco inclúe un balance que permita avaliar os resultados da estratexia anterior.

 

Por iso, e, a pesar de que o Ministerio decidiu condicionar o reparto do 20 millóns de euros reservados este ano a previr e indemnizar os danos do lobo á subscrición da Estratexia por parte das comunidades, a conselleira indicou que Galicia se manterá firme no seu rexeitamento ao entender que atenta contra os intereses do rural galego e non achega a seguridade xurídica necesaria para xestionar o lobo de forma eficaz.

 

Tras incidir no éxito co que a Xunta xestionou ata o momento as poboacións desta especie, avanzou que esgotará todas as vías ao seu alcance, incluída a xudicial, para seguir apostando pola protección da biodiversidade co lobo como peza fundamental.

 

Logo de referirse ao recurso presentado a finais de outubro contra o reparto territorializado dos fondos do lobo e a exclusión de Galicia do mesmo, avanzou que o Goberno galego triplicará en 2023 o esforzo destinado á convocatoria de axudas para medidas de prevención do gando, cunha partida reservada de 1,9 millóns de euros á que se sumarán os 0,6 millóns de euros previstos para pagar posibles indemnizacións. Todo isto co fin de seguir defendendo os intereses, a supervivencia e o labor que realiza o sector gandeiro para a preservación da biodiversidade e o medio rural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2022