A Xunta avoga por impulsar a nivel europeo un Fondo Especial de Transformación que facilite a adaptación da industria da automoción ás novas necesidades de mobilidade sustentable

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Leipzig (Alemaña) na primeira reunión política organizada pola Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA, polas súas siglas en inglés), onde afondou na situación actual da industria automobilística e na súa adaptación ao novo escenario
 

“Estamos convencidos de que do mesmo xeito que se establecen medidas que forzan a transformación do sector nun prazo moi esixente, tamén deben establecerse mecanismos de apoio que permitan acompañar ao tecido empresarial nesa necesaria transformación”, apuntou
 

Defendeu a necesidade de asegurar as condicións que faciliten o acceso da industria aos fondos Next Generation “co obxectivo de que poidan levar a cabo os investimentos necesarios para a súa adaptación á electrificación demandada”

Compartir
  • whatsapp

Leipzig (Alemaña), 17 de novembro de 2022 O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na primeira reunión organizada pola Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA, polas súas siglas en inglés), levada a cabo en Leipzig (Alemaña), onde afondou na situación actual da industria automobilística e na súa adaptación ás novas necesidades marcadas pola mobilidade sostible. Un escenario no que presentou a posibilidade de crear un Fondo Especial de Transformación a nivel europeo que facilite á industria a súa adaptación e que aglutine a aquelas rexións cun maior peso do sector.

 

Neste sentido, cómpre lembrar que esta Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA) activouse o pasado mes de xuño no Comité Europeo das Rexións (CdR), sendo Galicia unha das rexións fundadoras. Así, Guldrís puxo en valor o peso do sector da automoción na Comunidade -case un de cada catro coches que se ensamblan en España saen da planta de Stellantis en Vigo, sumando a industria 11.200 millóns de facturación o pasado ano-, e avogou pola importancia de xuntar esforzos nunha “época marcada pola nova mobilidade, que mestura conectividade, electrificación e condución autónoma”.

 

“Estamos convencidos de que do mesmo xeito que se establecen medidas que forzan a transformación do sector nun prazo moi esixente, tamén deben establecerse mecanismos de apoio que permitan acompañar ao tecido empresarial nesa necesaria transformación”, afondou o director do Igape. Así, e xunto á creación do mencionado fondo, Guldrís defendeu a necesidade de asegurar as condicións que faciliten o acceso da industria aos fondos Next Generation “co obxectivo de que poidan levar a cabo os investimentos necesarios para a súa adaptación á electrificación demandada”.

 

Neste marco, Guldrís lembrou que o sector está a sufrir unha das transformacións máis grandes da súa historia nas que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma actual. Un escenario no que a Unión Europea está a poñer o 2035 como data límite para que todos os novos turismos e furgonetas no mercado da UE sexan de cero emisións.

 
Sobre esta base, a ARA traballa en conxunto para que estes cambios sexan apoiados institucionalmente, tanto na transición como na preservación dos milleiros de empregos que a automoción ten nestas rexións. Un traballo que se está a levar a cabo mediante a colaboración non só dos axentes políticos pertinentes, senón de todo o sector, as industrias provedoras e os axentes sociais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2022