O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participou esta mañá no encontro organizado por CLUN sobre o benestar animal

A Xunta destina 2,15 M€ en axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o 2022-2023

José Balseiros destacou que estas entidades desenvolven os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, subliñando a importancia do benestar animal para un bo rendemento produtivo nas gandarías
 

Destacou a forte aposta que fai a Consellería en promover entre a poboación a formación e a capacitación necesaria en materia de benestar animal, tanto en explotacións como durante o transporte de animais vivos

Compartir
  • whatsapp

Touro (A Coruña), 17 de novembro de 2022 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá en Touro nun encontro organizado por CLUN sobre o benestar animal, onde destacou a súa importancia para un bo rendemento produtivo nas gandarías. Así mesmo, sinalou que a Consellería do Medio Rural ten unha liña de achegas para as entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, que na convocatoria para 2022-2023 conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros, para que estas entidades poidan desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.

 

Así, o director xeral incidiu en que estes programas melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. Ademais, facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal.

 
Por outra banda, Balseiros tamén destacou a forte aposta que fai a Consellería en promover entre a poboación a formación e a capacitación necesaria en materia de benestar animal, tanto en explotacións como durante o transporte de animais vivos. Así, incidiu en que a través do Plan de formación continua 2022 -que ten en marcha a Axencia Galega da Calidade Alimentaria- estanse a desenvolver diversos cursos onde se abordan cuestións tan relevantes como o protocolo Welfare Quality e as distintas obrigas neste eido. Tamén se promove a importancia das boas prácticas antes de mover os animais e durante o tempo que dura o traslado, así como á hora de efectuar a descarga, ademais outros asuntos como a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2022