O Plan galego de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico permitirá rebaixar a factura en 11 M€ ao ano

Asegura que as administracións teñen que “dar exemplo” na redución de consumo enerxético despois de pedir esforzos neste sentido as empresas e cidadáns

O Consello da Xunta avalía esta folla de ruta coa que prevé investir 119 millóns de euros ata 2024 e acadar un aforro equivalente ao consumo eléctrico de 12.300 fogares galegos nun ano

Este novo instrumento prevé seguir ampliando e mellorando Redexga, que actualmente conta con preto de 2700 puntos de consumo eléctrico, de gas natural e gasóleo; medidas de aforro e eficiencia para os edificios administrativos, sanitarios, de uso social, educativos e culturais; estudos enerxéticos e medidas de difusión e capacitación

Realizaranse estudos en 600 edificios para realizar unha adecuada diagnose e identificar as medidas de aforro e eficiencia idóneas desde o punto de vista técnico e económico

Desde 2014, a Xunta leva investido máis de 135 M€ na mellora da eficiencia enerxética de edificios administrativos, xudiciais e educativos
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello avaliou esta mañá o novo Plan de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico de Galicia 2022-2024 “co que se poderá aforrar unha media de 11M€ ao ano ”na factura enerxética da Administración galega e das súas entidades.

 

“Se estamos a pedir esforzos ás empresas e ás persoas para acadar o aforro enerxético, a Administración ten que dar exemplo”, indicou Rueda sobre este novo Plan –“aprobado antes do prazo establecido polo Goberno central ás comunidades”, resaltou- e que enmárcase no obxectivo de que Galicia alcance a neutralidade climática no 2050.

 

O Plan, que dá resposta ás directrices europeas para establecer estratexias a longo prazo que permitan renovar o parque edificatorio das administracións cara á súa descarbonización, disporá dun orzamento total de 119 M€. As medidas incluídas permitirán aforros enerxéticos de 40GW/h ano -o que supón un aforro do 8,2 % do consumo enerxético anual da rede de Enerxía da Xunta de Galicia-, “o que equivale ao consumo eléctrico anual de 12.300 fogares galegos”, destacou o presidente autonómico.

 

As medidas recollidas neste plan -que é unha continuación da Estratexia de aforro e eficiencia no sector público de Galicia 2015-2020 e se basea na Axenda Enerxética de Galicia 2030- artéllanse ao redor de catro eixes estratéxicos.

 

Por unha banda, seguirase ampliando a Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga)
-que actualmente conta con preto de 2700 puntos de consumo eléctrico, de gas natural e de gasóleo-, implantaranse melloras de funcionalidades na plataforma de xestión e estenderase aos concellos. “Permite centralizar á compra o que abarata os custes”, indicou o presidente.

 

Promoveranse medias de aforro e eficiencia enerxética nos edificios administrativos, sanitarios, de uso social e tamén educativos e culturais. Tanto con medias a curto prazo centradas na racionalización do uso dos edificios como a medio prazo. Neste sentido, realizaranse actuacións para a mellora do illamento da envolvente térmica dos edificios, a implantación tanto de sistemas de absorción de radiación solar como de climatización, realizaranse cambios de iluminación interior e exterior, apostarase pola inmótica para monitorizar o funcionamento das instalacións, fomentaranse as enerxías renovables e para autoconsumo con medidas por 2,7 M€, así como a transformación das flotas de transporte e a renovación do parque móbil. Neste sentido, resérvanse máis de 12 M€ ás medidas relacionadas coa mobilidade sustentable.

 

O terceiro eixo será a realización de estudos enerxéticos para maximizar a eficiencia. Así, prevese estudar un total de 600 edificios para obter unha adecuada diagnose que permita identificar as medidas de aforro e eficiencia idóneas desde o punto de vista tanto técnico como económico. Por último, desenvolveranse tarefas tanto de difusión como de capacitación nestas cuestións entre os empregados e empregadas públicos.

 

De xeito complementario ás medidas destes catro eixes, a Xunta seguirá avanzando no desenvolvemento normativo e regulamentario nesta materia, afondarase en lograr unha xestión óptima, e manterase un sistema de seguimento e avaliación do Plan.

 

Con este conxunto de actuacións, a Xunta de Galicia asume o papel exemplarizante que a toda Administración pública lle corresponde á hora de promover a transición enerxética e implantar medidas de aforro e eficiencia que permitan alcanzar a neutralidade climática en 2050.

 

Este plan ratifica, ademais, o compromiso da Xunta nesta materia pois, desde o ano 2014, as actuacións realizadas pola Administración para a mellora da eficiencia enerxética entre edificios administrativos, xudiciais e educativos supuxeron un investimento de máis de 135 M€.

 

Ademais, en canto ás medidas adoptadas pola Xunta de Galicia en relación co real decreto do Goberno correspondente ao Plan de choque de aforro e xestión enerxética e climatización, estanse a aplicar en 73 edificios administrativos e 67 xudiciais. Consisten na limitación de temperaturas, no establecemento de sistemas de peche das portas de acceso, o apagado do alumeado exterior desde as 22,00 horas, así como revisión de inmobles e posta á disposición de información sobre medidas de aforro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2022