O conselleiro do Medio Rural participou na primeira xornada do evento facendo balance da campaña de incendios deste ano e avanzando medidas de futuro

A Xunta pon de relevo no primeiro Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes a creación en 2023 dun grupo especializado para loitar contra os grandes incendios

Segundo José González, este grupo de profesionais contará nos próximos orzamentos cun investimento de 1,5 millóns de euros, que se suman a outras partidas como os 18 millóns que se dirixirán á recuperación integral de áreas afectadas por incendios

O Congreso Interlumes -que se celebra hoxe e mañá no marco da I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias- contará con varias charlas e mesas redondas con diversas autoridades e expertos en lumes forestais de Galicia, España e Portugal

O conselleiro destacou que os grandes incendios rexistrados na nosa comunidade no 2022 emitiron á atmosfera 2.376.000 toneladas de CO², cun custo estimado de 78 millóns de euros, un dato superior ás emisións anuais do conxunto da gandaría galega

Silleda (Pontevedra), 17 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe de relevo a creación o ano que vén dun grupo especializado dentro do Servizo de prevención de incendios forestais para a loita contra os grandes lumes, cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Así o destacou no Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes 2022, que se celebra hoxe e mañá no marco da I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), e ao que tamén asistiu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.  

 

Na súa intervención, o conselleiro tamén se referiu á posta en marcha dun plan de recuperación integral de zonas afectadas por incendios forestais cun investimento global de 18 millóns de euros que, ademais, se abrirá -segundo dixo- á colaboración privada.  Así mesmo, aludiu a outras partidas dos presupostos do ano vindeiro como os preto de 20 millóns para melloras de infraestruturas do dispositivo antiincendios, os 10 millóns para o seu parque móbil ou os 700.000 euros para impulsar a súa formación.

 

Por outra banda, José González tamén trasladou un dato aportado polos expertos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Así, destacou que os grandes incendios rexistrados na nosa comunidade no 2022 emitiron á atmosfera 2.376.000 toneladas de CO², cun custo estimado de 78 millóns de euros, un dato superior ás emisións anuais do conxunto da gandaría galega.

 

A maiores, o titular de Medio Rural afondou na necesidade de seguir implementando a Lei de recuperación da terra agraria e cumprindo os obxectivos do Plan Forestal 2021-2040, así como de avanzar no convenio de protección das aldeas ao abeiro do cal se conseguiu xestionar este ano -segundo salientou- a biomasa nas franxas secundarias de máis do 70% dos municipios adheridos. Tamén aludiu á Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en tramitación, que consolidará as actuacións para facer o noso territorio máis resiliente fronte ao lume.

 

Todas estas consideracións acompañaron o balance sobre a campaña de incendios deste ano, que o conselleiro enmarcou nun contexto climatolóxico sen precedentes sen esquecer a elevada taxa de intencionalidade que se segue a constatar nos focos rexistrados. Sobre os lumes de xullo, apuntou que a simultaneidade dun elevado número de incendios, en diferentes partes do territorio galego e dunha virulencia e proporcións moi intensas -mesmo con pirocúmulos-, foron antecedente de auténticas situacións de emerxencia civil. Unhas situacións nas que -engadiu- se constatou o éxito da estratexia proposta, evacuando a poboación dos núcleos máis afectados para evitar riscos, tal e como recolle o informe emitido polo experto en xestión forestal Ferrán Dalmau e o equipo redactor formado por José Luis Soriano, Santiago Noguera e Miguel Ángel Botella.

 

O congreso

O congreso Interlumes 2022 está a albergar no recinto feiral de Silleda varias charlas e mesas redondas con diversas autoridades e expertos en lumes forestais, tanto da nosa comunidade como do resto de España e Portugal. Así, a xornada de hoxe acolle diversas charlas sobre asuntos como a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa, a planificación territorial como reto para a prevención de grandes incendios forestais, a planificación preventiva dos incendios, os lumes forestais na xestión da paisaxe ou os proxectos Interreg VA 2014-2020 POCTEP. Pola tarde, celebrarase unha mesa redonda na que o tema central será a prevención e participarán representantes das administracións de Galicia, Portugal, Andalucía e Castela e León.

Mañá, a xornada comezará con varias charlas sobre temas como a loita contra os incendios forestais en Portugal, a participación social na xestión paisaxística para a prevención de incendios forestais, o programa nacional de preparación de expertos Grupo Fast, o proxecto Europeo H2020 FIRE-RES, as aplicacións informáticas de apoio en xestión de incendios forestais e a experiencia nos incendios forestais deste ano en Estremadura. A mañá rematará cun taller práctico impartido por Ferrán Dalmau sobre Sandbox de interfaz urbano-forestal con lume real. Finalmente, pola tarde, haberá outra mesa redonda de extinción con representantes dos servizos antiincendios de Galicia, Portugal e España, e a clausura do acto por parte do titular do Medio Rural.

O proxecto Interlumes

O I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes enmárcase dentro das accións do proxecto europeo Interlumes, que ten por obxectivo fundamental reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal. Para iso, melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción. Tamén se avanzará na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume que homoxeneíce as actuacións que in situ se levan a cabo na fronteira.

De feito, xa se deron algúns pasos neste sentido co sometemento a información pública o pasado día 4 de novembro do proxecto de construción dunha base aérea no territorio fronteirizo de Verín e Chaves, que permita atender de forma máis áxil, eficaz e eficiente os incendios forestais.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 17/11/2022