O presidente da Xunta interveu na entrega da III edición do Premio Economía, do Consello Galego de Economistas, ao Grupo Empresarial Lence

Rueda garante que o Goberno galego salvagardará a estabilidade que precisa o tecido empresarial da Comunidade para medrar e incrementar a riqueza de Galicia

Pon o Grupo Lence como exemplo de emprendemento que mira polo progreso do territorio e de remuda empresarial estable e exitosa

Subliña a aposta do Goberno autonómico pola industria do medio rural, cunha achega, dende o ano 2016, de máis de 142 M€ en axudas a 473 empresas agroalimentarias para a mellora da transformación e comercialización dos seus produtos, que xerou un investimento de preto de 430 M€

Destaca a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego como folla de ruta clave para garantir o futuro dun eido produtivo no que Galicia é unha potencia
 

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 17 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que o Goberno galego salvagardará a estabilidade que precisa o tecido empresarial da Comunidade para medrar e incrementar a riqueza de Galicia.  

O titular da Xunta interveu no acto de entrega da III edición do Premio Economía, do Consello Galego de Economistas, ao Grupo Empresarial Lence, perante o que garantiu o seu compromiso de que a Administración autonómica primará sempre a xestión e a busca de consensos para xerar un espazo de oportunidades para o desenvolvemento e o progreso da sociedade galega.  

Alfonso Rueda valorou o “acerto” do Consello Galego de Economistas ao conceder o premio a un grupo empresarial que naceu da man dun emprendedor, Jesús Lence, que vencendo todo tipo de dificultades desde o ano 1975 foi quen de crear unha das empresas máis potentes no sector lácteo e que foi modelo tamén no proceso de remuda empresarial, deixando a xerencia nas mans da súa filla Carmen Lence, quen hoxe recolleu o galardón. 

O presidente da Xunta amosouse orgulloso polo feito de que o percorrido exemplar do grupo que afonda as súas raíces na terra de Lugo non era illado, xa que “Galicia ofrece casos dabondo” de empresarios que partiron da nada e que foron quen de crear empresas profundamente asentadas no seu territorio e con espírito de permanencia. 

Para Alfonso Rueda, a Xunta tiña unha débeda con tantos empresarios galegos que como Jesús Lence miraron polo progreso do seu territorio, de aí o compromiso da Administración autonómica cun sector estratéxico para a Comunidade. “Somos unha potencia láctea”, recordou, en referencia a que a produción de leite de Galicia supón o 40% do total de España.  

E tendo en conta o carácter transversal da industria do leite, que xera riqueza e vida alí onde se implanta, o Goberno galego considerou necesario reforzala non só con achegas aos gandeiros e ás empresas, senón tamén desenvolvendo unha Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que constitúe unha folla de ruta clave para garantir o futuro deste eido produtivo.  

Ademais, o presidente da Xunta subliñou a aposta do Goberno autonómico pola industria do medio rural, cunha achega, dende o ano 2016, de máis de 142 M€ en axudas a 473 empresas agroalimentarias para a mellora da transformación e comercialización dos seus produtos, que xerou un investimento de preto de 430 M€.

 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2022