A Xunta aprobará antes de final de ano a oferta pública de emprego para cubrir prazas de psiquiatría por concurso de méritos

O Goberno galego impulsou a Lei que permite cubrir por concurso de méritos as prazas de psiquiatría, psicoloxía e enfermaría especialista en saúde mental creadas polo Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024

Comesaña destacou na inauguración do XXV Congreso Nacional de Psiquiatría que desde 2020 a Xunta incorporou xa a 38 novos psiquiatras dos 54 previstos polo Plan
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  O conselleiro de Sanidade avanzou hoxe na inauguración do XXV Congreso Nacional de Psiquiatría que a Xunta aprobará antes de final de ano a oferta pública de emprego para cubrir prazas de psiquiatría, psicoloxía e enfermaría especialista en saúde mental por concurso de méritos. Estas prazas inclúense na Lei impulsada polo Goberno autonómico para dotar á comunidade de prazas de especialistas de distintas especialidades e de difícil cobertura.

“Calquera psiquiatra, incluso MIR no último ano que aínda este á espera de obter a especialidade, poderá inscribirse cando se abra a convocatoria a comezos de 2023 e optar, presentando os seus méritos, a unha praza fixa no Servizo Galego de Saúde”, subliñou Julio García Comesaña, ao tempo que engadiu que esta convocatoria supón unha mostra palpable do compromiso da Xunta de Galicia con esta disciplina, “sobre todo cos pacientes, que necesitan máis psiquiatras para responder á súa demanda”.

Así, o conselleiro de Sanidade destacou tamén na apertura deste congreso nacional, celebrado en Santiago de Compostela, que o Goberno galego, a través do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, incorporou xa desde o ano 2020 a 38 novos psiquiatras á sanidade galega, dos 54 previstos polo plan.

García Comesaña abundou nas estratexias do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 que, cunha dotación de 83 millóns de euros, contempla a incorporación de 241 novos profesionais da saúde mental, dos que xa se contratou a 125 -38 deles psiquiatras – e inclúe programas sanitarios detallados en cada área.

Engadiu tamén neste sentido que o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 incorpora 2,6 millóns de euros para a contratación de 61 novos profesionais sanitarios do ámbito da saúde mental.

Con todo, o conselleiro de Sanidade resumiu algúns dos resultados “palpables para moitos pacientes” deste do plan de saúde mental impulsado por Galicia: as áreas sanitarias de Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ferrol contan con unidades de prevención do suicidio que antes non existían; centros de saúde de concellos como Ordes, Oleiros, Tui ou Ponteareas puxeron en marcha unidades de saúde mental de adultos; e nenos e adolescentes con problemas psiquiátricos de Vigo, Santiago Lugo e Ourense contan hoxe con hospitais de día onde facer terapias intensivas.

Proxecto da sanidade galega para o reforzo da saúde mental

García Comesaña aproveitou a súa participación neste foro para destacar o papel dos profesionais de psiquiatría a participar neste proxecto de mellora que a sanidade galega puxo en marcha en materia de saúde mental, e sinalou en especial os ambiciosos obxectivos que persegue, coa consolidación da segunda unidade infanto xuvenil de hospitalización con ingreso, que funcionará para a poboación da área sur de Galicia en 2023, a extensión do mapa de hospitais de día infanto xuvenís nas sete áreas sanitarias galegas, ou a posta en marcha de programas de primeiros episodios de psicose.

O conselleiro de Sanidade destacou tamén, entre outros, o protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida, que o departamento desenvolve xunto coa consellería de Educación; e programas innovadores xunto ao departamento de Política Social.

Así mesmo, apostou pola formación na saúde mental e sinalou que a oferta de prazas de Psiquiatría en Galicia na próxima convocatoria MIR chegará ás 16, o que supón un incremento do 33 por cento respecto ao ano anterior e a convocatoria do 100% das prazas desta especialidade

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 18/11/2022